Organizacións políticas e sociais da Galiza manteñen o 'Non á guerra' na Siria


Organizacións políticas e sociais da Galiza manteñen o 'Non á guerra' na Siria

Perante o inminente ataque contra o goberno de Bashar Al-Assad BNG, CIG, Anova, Nós-UP, EU ou Espazo ecosocialista emiten senllos comunicados en que rexeitan a "intervención militar imperialista" e chaman a protestar 

A través dun comunicado público a dirección política do BNG amosou o seu rexeitamento a unha intervención militar promovida polos EUA e apoiada por Reino Unido e Franza. Desde a organización frontista denuncian "a fabricación" do que consideran "unha mentira" encamiñada a xustificar o ataque e persuadir a opinión pública. 

Neste senso, aseguran que a estratexia mediática desenvolvida ten moito a ver co "engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para o caso de Iraq cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron". Desde o BNG, chaman a apostar "pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos" e a focar a atención sob "a perda de vidas humanas"e "a vaga de persoas refuxiadas". 

BNG denuncia "a fabricación dunha mentira non probada para xustificar unha intervención militar"

Para alén de "ser reprobábel e inxustificábel", engaden @s nacionalistas, o lanzamento dunha ofensiva militar por parte dos EUA "e outros aliados da OTAN" contravén o ordenamento xurídico internacional e supón, din, "unha nova agresión imperialista". 

Da mesma maneira, desde a CIG exixen ao Estado español que "non participe" na intervención e "chama á cidadanía galega a rexeitar na rúa o ataque". A central sindical insta a través do seu comunicado a que o executivo de Mariano Rajoy "non dea covertura militar" á ofensiva ao tempo que denuncia "a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo en que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa excusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario".

A CIG chama a cidadanía a se mobilizar contra a "agresión imperialista" 

Desde a CIG chaman á cidadanía galega a amosar o seu rexeitamento á agresión nas rúas da Galiza e a participar "nas concentracións e protestas que se convocarán por todo o país unha vez se produza o ataque". 

Tamén así, Nós-UP emitiu un comunicado após coñecerse que EUA mantén vivos os seus plans intervencionistas malia afalta de consenso no CSNU. A organización política denuncia a "brutal agresión" promovida "polas potencias imperialistas desde 2011" contra a Siria cuxo obxectivo, din, é "tratar de impor en Damasco un goberno submiso aos ditados de Washington, Londres e Tel Aviv". 

Así mesmo, desde Nós-UP chaman "ao conxunto do pobo traballador galego a saír ás rúas"para "denunciar" unha "agresión iperialista" que ten moito a ver coa lanzada contra o Iraq en 2003.

"Indignación cidadá"

Pola súa banda, Anova-Irmandade Nacionalista chama ao "exercicio de indignación cidadá" perante a "agresión militar" que se prepara contra Siria, alén de solicitar do goberno español que se absteña de colaborar con esa intervención. A FPG chama a "saír ás rúas para denunciarmos unha nova agresión militar, que de seguro provocará máis sangue e sufrimento a un pobo canso dun longo conflito que só se pode solucionar a través do uso de ferramentas políticas".

Compromiso por Galicia tamén amosou no seu portal web o seu rexeitamento a unha intervención militar e demandou "máis tempo" para que @s [email protected] das Nacións Unidas desenvolvan a investigación arredor dos ataques con armamento químico. Asemade, a organización galeguista instou a revisar e reformular "o modelo de seguridade internacional" nado após a II Guerra Mundial a prol dun outro baseado "no multilateralismo".

Esquerda Unida e Espazo Ecosocialista amosaron tamén o seu rexeitamento a unha "acción", din, "que non pode senón calificarse de criminal".