Os centros da Agadic, sen rumbo e con orzamentos insuficientes

Os centros da Agadic, sen rumbo e con orzamentos insuficientes
Salón Teatro (Consellaría de Cultura)
Salón Teatro (Consellaría de Cultura)  

Os orzamentos da Xunta para 2020 presentados no Pleno do Parlamento prevén un recorte nas partidas destinadas aos tres órganos principais da Axencia Galega de Industrias Culturais: o Centro Dramático Galego (recorte 40%), o Centro Coreográfico Galego (- 60%) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (-20%). A Axencia contestou que o montante restante está rexistrado no orzamento de Turismo de Galiza, relacionado co Xacobeo 2021. A oposición e o sector cultural critican a xestión do PP, á que acusan de desgastalos por "inanición".


Durante o Pleno do Parlamento da cuarta feira desta semana, 21 de novembro, a deputada do BNG Olalla Rodil preguntou ao conselleiro de Cultura pola diminución dos recursos destinados á Axencia Galega de Industriais Culturais (Agadic) prevista para 2020. A nacionalista referiuse, concretamente, aos tres órganos principais da Axencia: o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Coreográfico Galego (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

A folla de ruta do Goberno galego destina 350.000 euros ao CDG fronte aos 600.000 de 2019, 120.000 euros ao CGAI, 30.000 menos que o pasado ano, e o CCG 50.000 euros, fronte aos 150.000 dos pasados orzamentos

A folla de ruta do Goberno galego destina 350.000 euros ao CDG, fronte aos 600.000 de 2019, 120.000 euros ao CGAI, 30.000 menos que o pasado ano, e o CCG 50.000 euros, fronte aos 150.000 dos pasados orzamentos. "O PP está a desmantelar os órganos de produción cultural, deste xeito non poden cumprir co fin para o que foron creados", denuncia Olalla Rodil a Sermos Galiza. Colectivos do sector, inquedos polos datos publicados nos orzamentos, reuníronse co director da Agadic, Jacobo Sutil. Belén Pichel, presidenta de Escena Galega, explica a Sermos que no encontro transmitiulles que "non habería recortes".

Están a tempo de aceptar as emendas da oposición, afirma Rodil

A axencia, contactada por este diario, confirmou que "varios dos proxectos de ambas unidades de produción para 2020 desenvolveranse ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021". Segundo a Agadic, a súa dotación económica "contabilízase no orzamento de Turismo de Galiza". Rodil replica que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, non facilitou esta información durante o pleno. "Penso que a explicación chega porque o sector comezou a preocuparse e así tratan de saír desta situación". "Están a tempo de aceptar as emendas parciais da oposición e aumentar o presuposto da Axencia", incide.

CGAI Foto- Anatche

Para Ánxeles Cuña, deputada do Grupo Común da Esquerda, existe un "enorme desequilibrio" entre e a Agadic e outras axencias da Xunta, como a de Turismo, "que recibe máis de 70 millóns de euros". "Levamos toda a lexislatura alertando da súa precariedade, que non permite que desenvolva as súas competencias", manifesta a Sermos Galiza.

Tres buques sen rumbo

"Está claro que a nosa cultura está vivindo á intemperie, os números denotan unha ausencia grande de compromiso do Goberno cun ecosistema vizoso e maduro, pero tamén precario e inestábel", denuncia Cuña. "A situación é tremenda, tanto no Centro Dramático como no Centro Coreográfico.Toda a profesión ten unha opinión máis ou menos unánime, son estructuras que están esmorecendo", analiza Belén Pichel.

A situación é tremenda, tanto no Centro Dramático como no Centro Coreográfico.Toda a profesión ten unha opinión máis ou menos unánime, son estructuras que están esmorecendo", analiza Belén Pichel

CDG, CCG e CGAI comparten, alén de recursos minguantes, a falta de directora ou director á fronte. O responsábel do CGAI desde 2007, Guillermo Escrigas, xubilouse; a directora do CDG desde 2016, Fefa Noia, abandonou o seu posto. Por último Mercedes Suárez, no cargo desde 2010, cesou no seu posto. A súa xestión de fora duramente criticada por profesionais do eido da danza, que sinalaban a falta de producións propias do centro, dunha folla de ruta para o órgano ou a “opacidade” do seu funcionamento administrativo ou económico.

Son estruturas que non interesan ao Goberno galego

Pichel sinala a gravidade dos casos do CDG e do CCG, dous centros "produtivos". "Son dúas estruturas que non interesan políticamente ou estratéxicamente ao Goberno galego, pero nós seguimos pensando que ten que existir unha institución pública dese tipo", afirma. Para a representante das profesionais da escena cómpre revisar os estatutos do CDG, "non poden ser os mesmos que nos 80". "O presuposto é minúsculo, a concepción do propio centro hai que darlle unha volta. Non é só unha cuestión orzamentaria, tamén o é de rumbo", incide Pichel. "Unha produción ao ano non é suficiente", engade Cuña. tartufo CDG

"O Partido Popular só ten na cabeza o Xacobeo, iso demóstrase nos orzamentos da Consellaría de Cultura. O único queda para cultura son as migallas e máis recortes", denuncia Olalla Rodil. "Hai que lembrar que o sector cultural representa 2% do PIB galego e 3% do emprego que se xera no noso país", salienta a deputada nacionalista.

Novo estatuto

Durante o pleno no que se debateron os orzamentos da Consellaría de Cultura o seu titular anunciou un novo estatuto para a Agadic, declaración que espertou novas críticas no sector. A Asociación Galega de Actores e Actrices Galegas afirmou nun comunicado que "non consta que se producisen contactos desta natureza coa gran maiorías das asociacións do sector escénico, músical e audiovisual, polo que consideramos que o estatuto se levou a cabo de costas á profesión e obviando o tecido asociativo profesional". "Só podemos amosar a nosa perplexidade ante este anuncio", destacan.

"É unha noticia moi preocupante", di Ánxeles Cuña. "Eu, que fun durante un breve período de tempo directora do CDG, participo en case todas as asociacións do ámbito teatral e paréceme un despropósito que redactasen o anteproxecto do novo estatuto sen contar con elas", conclúe.