Otegi propón reproducir nas eleccións do 28A a alianza soberanista ao Europarlamento

Otegi propón reproducir nas eleccións do 28A a alianza soberanista ao Europarlamento

O coordinador xeral de Eh Bildu considera que esa suma de forzas é a "única garantía" de facer fronte á deriva autoritaria no Estado español.


Arnaldo Otegi é partidario de que a alianza 'Agora Repúblicas' que EH Bildu fraguou con ERC e BNG para as eleccións europeas de maio teña réplica nos comicios xerais do 28 de abril para o Congreso e o Senado. Unha aposta, explica no seu blog, para frear “a dereita autoritaria” e construír un polo que impulse “a democratización do Estado”.


O coordinador xeral de EH Bildu sostén que a “suma de forzas electoral e política de todos os soberanistas, republicanos e progresistas é a única garantía para frear á dereita reaccionaria e condicionar a acción do goberno na dirección dunha necesaria democratización do Estado”, escribe.


Esta alianza partiría do compromiso dun programa de mínimos que pase pola defensa do dereito de autodeterminación, a aposta en políticas que fagan fronte ao neoliberalismo e unha folla de ruta para a volta á casa de persoas presas e exiliadas. Apela, nesta liña, á suma de forzas e á “sincronización política entre as nosas vellas nacións sen Estado para garantir a presenza decisiva do soberanismo progresista” nas Cortes españolas.


”É o momento de sumar, de ser decisivos e eficaces”, pide, para evitar que “nos fechen outra vez entre dúas opcións: ou a deriva autoritaria de PP-Vox-Cs ou o mantemento dun statu quo que nega dereitos nacionais e sociais. Non podemos resignarnos a ter que elixir entre o malo e o peor”.