ACORDOS NOS CONCELLOS

Ourense terá goberno paritario DO-PP

Ourense terá goberno paritario DO-PP
Pérez Jácome
Pérez Jácome  

As dez concellarías coas que contará o consistorio da cidade de Ourense repártense á metade entre Democracia Ourensá e Partido Popular. O novo alcalde da cidade Gonzalo Pérez Jácome nomea 5 membros de DO (entre os que se inclúe el mesmo) e 5 do PP para liderar o goberno local.


O novo alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, logrou o bastón de mando após pactar co PP a alcaldía da cidade das Burgas para Democracia Ourensá e a presidencia da Deputación de Ourense para o popular Xosé Manuel Baltar, quen temía non revalidar nela por falta de apoios ao perder a maioría absoluta.

Porén, o acordo alcanzado entre as dúas formacións conservadoras vai máis alá, como vén de amosar o feito de que o novo alcalde da cidade das Burgas repartise paritariamente as 10 concellarías coas que conta o consistorio, correspondendo así 5 (incluída a propia alcaldía) para DO e outras 5 para o Partido Popular. Fica desta maneira estabelecido no nomeamento asinado por Jácome das e dos membros da xunta de goberno local.

Esta xunta de goberno estará pois, composta por cinco edís de Democracia Ourensá: Miguel Caride (quen tamén é nomeado concelleiro-secretario e salienta como brazo dereito de Jácome), Armando Ojea, Isabel Rebanales e María Teresa Rodríguez, a maiores do propio alcalde. Elas e eles levarán as concellarías de Educación e Cultura, Mobilidade e Seguridade Cidadá e Recursos Humanos.

Polo PP liderarán concellarías Eugenia Abella, Flora Moure, Sonia Ogando, Ana Fernández  Morenza e Jorge Pumar. Xestionarán as concellarías de Termalismo, Deportes, Facenda, Urbanismo, Medio Ambiente e Servizos Sociais.

A nova xunta de goberno local reunirase por primeira vez esta cuarta feira 19 de xuño en sesión constitutiva.

Primeira medida de Jácome: o control horario

O concello de Ourense contará cun control horario para traballadoras e traballadores municipais. Esta primeira medida tomada polo novo alcalde responde ás críticas que DO realizou nos últimos anos contra o persoal funcionario do concello. Aínda que o control horario está esixido por lei na actualidade, esta medida aínda non estaba implantada no concello.

Villarino será o portavoz do grupo municipal do PSdeG

Quen foi o candidato do PSdeG á alcaldía, Rafael Villarino, tamén vén de ser nomeado por unanimidade como portavoz do grupo municipal. Natalia González e Xosé Rúas serán  viceportavoces, e o grupo contará coas e cos edís Custodia Concepción, Javier Rei, Rosa Martínez, Wilson Jones, Juana Axeitos e Borja López .

Jácome propuxera un pacto para expulsar PP da deputación e concello

A vida dá voltas, e o certo é que o portavoz de Democracia Ourensá propuxera o 28 de maio un pacto de catro forzas para explusar Manuel Baltar da presidencia da Deputación de Ourense, tal e como recolleu Sermos Galiza, e engadiu ademais que ese pacto debía estenderse ao Concello de Ourense.

Os resultados do pasado 26 de maio depararon na deputación 12 escanos para o PP, 9 para o PSdeG, 2 para Democracia Ourensá, 1 para o BNG e 1 para Ciudadanos. Manuel Baltar ficou así a un escano da maioría absoluta. No concello de Ourense PSdeG foi a forza máis votada e obtivo nove edís, por sete do PP, sete de Democracia Ourensá, dous de Ciudadanos e dous do Bloque.