ELECCIÓNS Á EUROCÁMARA

Outra Unión Europea é posíbel?

Outra Unión Europea é posíbel?

Semella a “maría” dos procesos electorais. Mentres as elites europeas preparan unha operación de “chapa e pintura” do proxecto europeo para que nada mude, a cidadanía desenténdese duns comicios que, malia todo, testemuñarán o malestar que percorre o continente. A Unión Europea sométese ao veredicto das urnas. Eis un extracto da información publicada no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza.


7Acampaña electoral europea bascula entre a inercia xeneralizada e a falta de fondura política. O descoñecemento, ocultación e distancia arredor dos asuntos e decisións das institucións comunitarias e a escasa relevancia política do Parlamento europeo son algunhas das razóns que explicarían este comportamento. O conglomerado institucional da Unión Europea, pero tamén a experiencia do seu funcionamento nas últimas décadas, certifica a incapacidade do Parlamento para definir as políticas da zona euro, adoptadas en órganos de decisión non suxeitas a ningún tipo de control democrático, como son a Comisión, o Consello, o Eurogrupo e o Banco Central. A Unión Europea realmente existente está enfrontada coa democracia.

A negativa das autoridades comunitarias a respectar a opinión popular cando esta entra en contradición co seu modelo de Europa –como aconteceu con motivo do referendo do Tratado Constitucional (entre 2004 e 2006) e de Lisboa (2007) en diversos países europeos–, a limitación das funcións do Parlamento a simple instrumento de fiscalización previa e a transferencia como norma da iniciativa lexislativa á Comisión, quebrando o principio básico dos réximes parlamentares ou os poderes reforzados dos órganos executivos e xudiciais non deixan dúbidas ao respecto. A arquitectura institucional da Unión é paradigmática do modelo neoliberal, orientado a baleirar de contido o poder lexislativo, tanto no proceso de toma de decisións como na súa capacidade de control sobre o executivo, comprometido con gobernos dirixidos polas elites e os tecnócratas e onde a democracia pasa a ser sospeitosa, até o punto de considerarse un luxo o goberno da maioría.

As políticas económicas comunitarias son dabondo coñecidas na Galiza. O proceso de reconversión industrial que laminou primeiro o sector da construción naval e posteriormente limitou a súa actividade, o desmantelamento do complexo agrario que abriu a porta á desertización do medio rural ou a redución da capacidade de capturas e de man de obra ocupada na actividade pesqueira son consecuencia directa dos deseños europeos. Malia os efectos que puidese ter na resultante final os termos nos que se concretou a integración do Estado español na Comunidade Económica Europea, en 1986, derivados da ausencia de peso político do país, o escenario último está ligado á particular división do traballo na zona euro, dirixido a unha especialización produtiva que garante os intereses do seu centro en detrimento da periferia.

[Podes ler a información íntegra no número 347 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]