Pablo Casado visita o rural galego para pedirlles que “rescaten a nación española”

Pablo Casado visita o rural galego para pedirlles que “rescaten a nación española”

Acompañado de Núñez Feixoo, o candidato do PP á presidencia do goberno español pediu á veciñanza de Nemenzo que voten para evitar un goberno onde “manden independentistas e proetarras”.


Nemenzo é unha parroquia do rural norte do concello de Santiago de Compostela. Tranquila, fermosa e con apenas 200 habitantes, acolleu este sábado o desembarco da caravana do Partido Popular español na campaña electotal para o 28A. Máis de mil persoas, segundo datos da organización, chegaron a Nemenzo de diferentes lugares de Galiza para asistir ao xantar-mitin popular, con Núñez Feixoo e Pablo Casado como protagonistas do cartel.

Na súa intervención Núñez Feixoo subliñou que Pablo Casado é o presidente que máis lle convén a Galiza mentres que Pedro Sánchez é o candidato de Podemos, os nacionalistas e os independentistas. Mesmo afirmou que Casado non só é o candidato do Partido Popular senón que tamén “é o candidato de Galiza para a presidencia do Goberno de España”.

Pola súa banda, Pablo Casado mantivo en Galiza o mesmo discurso que leva meses protagonizando no Estado español: hai unha apocalipse independentista que é a que goberna realmente España grazas a Pedro Sánchez. O líder do PP sacou en Nemenzo toda a artillería: ETA, o perigo catalán, o comunismo... Pediu aos asistentes ao mitin que “rescaten a nación española” e eviten un goberno no que manden “independentistas e proetarras”.

Nas propostas concretas, prometeu crear un Ministerio de Familia de gañar as eleccións do 28 de abril, así como impulsar un plan de conciliación. Promesas que realizou no marco dun discurso de defensa do modelo tradicional de familia, “o máis importante que hai na sociedade”.