ANÁLISE/ESTRATEXIAS DE COMUNICACIÓN

Por que Pablo Iglesias fala da "corrente de Íñigo e Tania"?

Por que Pablo Iglesias fala da "corrente de Íñigo e Tania"?
Tania Sánchez
Tania Sánchez  BolsamaníaTV

Pola mesma razón que leva o PP a falar das "Mareas de Podemos", a equipa de Pablo Iglesias reférese á candidatura crítica como "a corrente de Íñigo e Tania". Non son casualidades. Obedecen a estratexias de comunicación minuciosamente planificadas. 


A vella e a nova política reproducen idénticas estratéxicas de comunicación porque as súas equipas asesoras beben das mesmas fontes. Quer sexa nunha contenda interna ou externa, contra outras forzas políticas ou contra correntes da túa organización, o obxectivo é maximizar as fortalezas propias e pór en evidencia as debilidades alleas.

Está todo inventado. En 1995, Ramón Mendoza, presidente do Real Madrid, nun debate televisivo co daquela aspirante Florentino Pérez, interpelou todo o tempo o seu adversario dialéctico como o "señor Pérez", nun evidente intento de o menosprezar, de o considerar pouco aristocrático para vestir con decoro tan augusta poltrona . Na pasada lexislatura, Beiras tentou, sen demasiada fortuna, resgatar o nome co que moita xente coñecía Alberto Núñez Feijóo antes de dar o salto á primeira liña da política. Núñez. Para Beiras ANF era "o señor Núñez". Nada casual. Unha estratexia de comunicación.

Pois ben, no debate actualmente en curso en Podemos (estamos xa nas vésperas do chamado Vistalegre II, o congreso que a formación morada irá realizar os días 10, 11 e 12 de febreiro) dun tempo a esta parte todos e cada un dos portavoces da candidatura oficial, a comezar por Pablo Iglesias, se referen sistematicamente á lista alternativa máis potente como "a corrente de Íñigo e Tania".

Loxicamente non é casual. Loxicamente é unha estratexia de comunicación.

Vexamos. Primeiro fálase de "corrente", o que no imaxinario de calquer militante político significa o subconxunto minoritario dunha organización, elementos díscolos que veñen perturbar a orde e a harmonía internas, etc. E segundo ponse á mesma altura a "Íñigo" (Errejón, secretario político) e Tania (Sánchez, parlamentar de Podemos).

Por que se fai esta equiparación?

A candidatura oficial pensa que a presenza de Tania Sánchez na candidatura Recuperar a Ilusión lonxe de ser un activo, é un lastro, un pasivo

A resposta é doada: porque a candidatura oficial pensa que a presenza de Tania Sánchez na candidatura Recuperar a Ilusión lonxe de ser un activo, é un lastro, un pasivo e que escorrentará potenciais apoiantes que en condicións normais, sen ela tan visíbel, si poderían aderir o proxecto de "Íñigo".

As causas do desprestixio de "Tania" en largos sectores das bases de Podemos é que exemplifica á vez unha dupla traizón: traizón ao secretario xeral do partido e traizón a Izquierda Unida (á organización da que procede e á que abandonou para se sumar a Podemos, cousa que enfaticamente dixo en múltiples ocasións que nunca faría).

Estigmatizada "Tania", a candidatura oficial utilízaa como arma arreboladiza contra "Íñigo".

Nada casual, todo moi planificado nos laboratorios de comunicación política da equipa de Iglesias.

Laboratorios que traballan, aliás, co mesmo material que o PP que carga contra as Mareas ás que sistematicamente cualifica como "as Mareas de Podemos", traballando a partir da idea de que o vocablo Podemos comeza a experimentar desgaste aos ollos de crecentes sectores da sociedade galega.