Dirixentes de En Marea exteriorizan a súa irritación con Iglesias por ignorar Galiza na censura

Dirixentes de En Marea exteriorizan a súa irritación con Iglesias por ignorar Galiza na censura
Alexandra Fernández, nun debate parlamentar
Alexandra Fernández, nun debate parlamentar  

Non foi o discurso propio do portavoz dun grupo confederal. Foi o discurso dun político español que só ve dous problemas sobre o taboleiro: o catalán e o vasco. Así o interpretan dirixentes de En Marea, próximos a Luís Villares, que o exteriorizaron nas redes.


Cuarta feira. Tarde. Pablo Iglesias interpela Pedro Sánchez no debate da moción de censura. Ínstao a facer unha serie de cousas. Entre elas camiñar cara a un efectivo recoñecimento da plurinacionalidade do estado. É nese contexto cando fai unha alusión expresa a Euskadi e Catalunya. É nese contexto cando omite calquera referencia a Galiza.

"Hai unha nova España que non cre en reis. Que lles pide dialogar. Dialoguemos xuntos. Falemos para construír unha España na que caiba unha nación que se chama Euskadi. Na que caiba unha nación que se chama Catalunya. Nós estamos dispostos a construír esa España fraterna e plurinacional", dixo.

A ausencia de Galiza no discurso pablista foi recibida con estupefacción por parte dos 5 parlamentares de En Marea integrados no grupo que dirixen Pablo Iglesias como presidente e Irene Montero como portavoz. As críticas foron inmediatas e quen as fixo públicas, por meio da súa conta twitter, foi Alexandra Fernández, parlamentar de Anova.

 

Quen entrou en diálogo con Alexandra Fernández foi Mário López Rico, ideológo de Cerna e do aparato villarista, quen tildou de "indecente" a omisión de Galiza por parte de Iglesias, a quen designou polas súas iniciais.

 

Deitou algo de auga no lume Luís Villlares, quen -ao ser interpelado pola imprensa ao respeito esta sexta feira- cualificou de "lapsus" a non mención do país no discurso do máximo dirixente de Podemos. Villares dixo a seguir que a intervención de Miguel Anxo Fernán Vello veu emendar o suposto erro do líder da formación morada. Fernán Vello si falou de Galiza como nación. Interveu por espazo de 5 minutos. Pedro Sánchez, na súa réplica, non entrou en debate con el. Limitouse a lle dar as grazas.