NUNHA CONFERENCIA EN MADRID

Pablo Iglesias renuncia ao proceso constituínte e avoga pola reforma da constitución

Pablo Iglesias renuncia ao proceso constituínte e avoga pola reforma da constitución
Pablo Iglesias
Pablo Iglesias  

O líder de Podemos e candidato desta formación á Moncloa abandona o discurso rupturista, no que apostaba nun proceso constituínte, e avoga agora por unha reforma da constitución de 1978.


Nunha conferencia na Universidade Autónoma de Madrid, Pablo Iglesias puxo de manifesto que a súa prioridade pasa por reformar a constitución de 1978 e non por escribir unha nova. “Se despois segue chamándose Constitución do 78 reformada danos igual”, sinalou Iglesias, que renuncia ao proceso constituínte que Podemos defendeu nas súas orixes e que foi modulando nos últimos meses.

Iglesias: “Se despois segue chamándose Constitución do 78 reformada danos igual”

“Dubidamos de que haxa unha maioría social que queira unha nova Constitución, mais pensamos que hai unha maioría social en España que quere cambios constitucionais no texto existente”, afirmou o líder de Podemos, que avogou por que “as decisións de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo de todos os cidadáns”. Cómpre lembrar o discurso crítico de Pablo Iglesias coa Constitución do 78 hai tan só un ano, cando chamara a “abrir o cadeado do 78 e poder discutir de todo”.

Ademais, na conferencia impartida na Universidade Autónoma de Madrid, o candidato de Podemos á Moncloa lembrou a Transición como unha etapa que “ten moitas ensinanzas que poden servirnos para entender que o que nos estamos xogando non son unhas eleccións xerais, senón o futuro do noso país”.



x