En Común apela á formación dun "goberno de esquerdas"

En Común apela á formación dun "goberno de esquerdas"
Yolanda Díaz comparece tras os comicios do 10-N.
Yolanda Díaz comparece tras os comicios do 10-N.  
A cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra ao Congreso, Yolanda Díaz, lamenta o ascenso da extrema dereita na Galiza e no Estado e fai un chamamento tanto ao PSdG como ao PSOE para que garantan un goberno de esquerdas.

Yolanda Díaz, que mantén a súa acta como deputada, asegurou que as votacións do 10-N constituíron “a repetición electoral máis inútil da democracia. Era unha irresponsabilidade e demostrouse. O tempo deunos a razón”.

Na súa comparecencia, Díaz fixo fincapé no ascenso da extrema dereita, que cualificou de “moi mala noticia”. Neste sentido, apuntou ao Partido Socialista como responsable dunha estratexia equivocada que “polarizou o electorado“ con decisións como a da exhumación de Franco, que o único que conseguiu foi “facela medrar”.

“Afortunadamente”, incidiu, “o bloque progresista supera o das dereitas”, unha posición que debe animar ás formacións progresistas a frear o seu avance. “Á extrema dereita só se lle para con políticas de esquerdas. Só con políticas que permitan vivir mellor á xente seremos capaces de parar a Vox”.

Goberno de esquerdas

“Somos a terceira forza política do país” sinalou Yolanda Díaz, e como tal comprometeuse a traballar “por e para Galiza”. Malia perder máis de 50.000 votos, unha caída que  atribúen á presentación da candidatura de Más País encabezada por Carolina Bescansa, que non logra representación; En Común apelou á formación dun “goberno de esquerdas” ademais de lanzarlles un aviso aos socialistas galegos: “un pacto coa dereita” para a investidura de Pedro Sánchez suporía “ir polo mal camiño” de cara ás eleccións galegas do ano vén.