Pagazaurtundua (Cs) pide en Vigo que o galego non sexa requisito na Galiza para “evitar barreiras”

Pagazaurtundua (Cs) pide en Vigo que o galego non sexa requisito na Galiza para “evitar barreiras”
Pagazaurtundua, no centro da imaxe, durante a visita á lonxa de Vigo.
Pagazaurtundua, no centro da imaxe, durante a visita á lonxa de Vigo.  

A número 2 de Ciudadanos ao Parlamento europeo, Maite Pagazaurtundua, di ser “unha namorada da riqueza cultural”, mais explica que o galego non debe ser un requirimento na Galiza para "evitar barreiras".


Maite Pagazaurtundua, número 2 na candidatura de Ciudadanos ao Parlamento europeo, estivo en Vigo para participar nun acto electoral do seu partido e sumou a súa voz á lista cada vez máis ampla de dirixentes da formación laranxa que piden que o galego estea en inferioridade a respecto do castelán.

Así, e nunhas declaracións nas que pedía “evitar barreiras”, Pagazaurtundua demanda que o galego e o resto de linguas cooficiais no Estado non sexan requisito nos seus territorios para accederen á función pública. O mesmiño que solicita Pablo Casado e que o seu partido, PP, leva no programa electoral do 28A.

A candidata de Cs, natural de Hernani, unha vila euskalduna, afirmou que é “unha namorada da riqueza cultural do noso país”. Por iso quer que o galego non se pida para exercer a función pública na Galiza. Iso si, defende que non sexa requisito mais que poida pedirse “complementariamente” despois de acceder ao cargo.

“Teño amigos docentes que non poden ir de Galiza a Euskadi por non coñecer o euskera”, afirmou, e pediu “abrir o angular” para non “limitar” os “méritos e capacidades”.