CON 8 VOTOS EN BRANCO

O Parlamento elixe Muñoz, Vázquez e Sande para o Senado co voto de PP, PSdeG e En Marea

O Parlamento elixe Muñoz, Vázquez e Sande para o Senado co voto de PP, PSdeG e En Marea
Parlamento de Galiza
Parlamento de Galiza  

As e os representantes no Parlamento de PP, PSdeG e do grupo de En Marea (Anova-Podemos-EU) votaron conxuntamente designar para o Senado unha lista formada por dous ex edís do PP e un da Marea Atlántica (Vázquez, Muñoz e Sande). Producíronse 8 votos en branco, emitidos polos seis parlamentares do BNG e por dous deputados do novo grupo mixto nado após a ruptura de En Marea (Luís Villares e Pancho Casal). Os outros dous membros do mixto (Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez) ausentáronse da votación.


O pleno do Parlamento galego designou as tres persoas que a esta cámara lle corresponde elixir para representar Galiza no Senado. As papeletas contiñan os nomes de Jesús Vázquez e Elena Muñoz do PP e José Manuel Sande a proposta do grupo parlamentario En Marea.

Os tres nomes recibiron o mesmo número de votos, xa que as e os 62 deputados de PP, PSdeG e o grupo parlamentario de En Marea (Anova-Podemos-EU) votáronse entre si.

Houbo 8 votos emitidos en branco, correspondentes aos 6 escanos do Bloque Nacionalista Galego e 2 pertenceron ao novo grupo mixto nado da ruptura de En Marea. En concreto abstivéronse Luís Villares e Pancho Casal. Os outros 2 membros deste grupo, Paula Verao e David Rodríguez, non estiveron presentes durante a votación parlamentaria.

Quen fora alcalde de Ourense polo PP durante a anterior lexislatura e ex conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, será senador por designación do Parlamento Galego xunto á ex conselleira de Facenda e ex portavoz popular en Vigo, Elena Muñoz, cuxa candidatura foi impulsada polo seu partido após renunciar en Vigo a continuar como líder da oposición debido ao fracaso electoral na cidade. O terceiro senador é José Manuel Sande, ex concelleiro de Culturas da Coruña pola Marea Atlántica.

Ao grupo parlamentario de En Marea, polo feito de ser o maioritario da oposición antes de se producir a ruptura do mesmo o pasado 20 de xuño, correspondíalle por reparto proporcional designar unha persoa senadora.

Porén, o debate sobre quen candidatar supuxo a ruptura definitiva no seo do grupo e acelerou a súa fractura. A proposta con máis apoios no grupo parlamentar de En Marea para ser designado como senador era o propio José Manuel Sande, defendido por Anova, Podemos e Esquerda Unida (as formacións que a día de hoxe continúan no grupo). A proposta que realizara o Consello das Mareas, a de Mariló Candedo, só conseguiu un apoio xa que o grupo de Villares abstívose de participar na votación, cuxo resultado non recoñeceu.

A ruptura semellaba que podía dar ao PSdeG a capacidade de designación da representante para o Senado, xa que o grupo de Gonzalo Caballero pasou de ser o terceiro grupo do parlamento a ser o segundo máis numeroso, após a disgregación de En Marea. Finalmente, conservouse ese dereito para o actual grupo composto por Anova-EU-Podemos.

A votación desenvolveuse nun pleno extraordinario celebrado no arranque da sesión no Pazo do Hórreo esta terza feira 25 de xuño. Antes da votación gardouse un minuto de silencio en memoria do ex deputado do PSdeG Raúl Fernández, falecido a pasada semana tras padecer unha enfermidade. Jackeline Fernández tomou ademais posesión como deputada do PP en substitución de César Fernández Gil, novo alcalde de Ribadavia.