O Parlamento impulsa unha lei para pedir a transferencia de Tráfico a Galiza

O Parlamento impulsa unha lei para pedir a transferencia de Tráfico a Galiza
parlamento galiza
parlamento galiza  

A abstención do PP permite a tramitación da lei, apoaiada por En marea, PSdeG – grupo impulsor- e BNG.


O Parlamento galego aprobou esta terza feira e grazas á abstención do PPdeG o inicio da tramitación da lei para a transferencia das competencias de tráfico e seguridade viaria desde o Estado a Galiza. A lei, presentada polo grupo socialista, saíu adiante cos votos das e dos socialistas, de En marea e do BNG. A Cámara dá así un paso que procura que Galiza xestione un teito competencial que xa gozan outros territorios, caso de Euskadi, Nafarroa ou Catalunya.

A materialización desta iniciativa do PSdeG pasa necesariamente pola efectiva aplicación das disposicións previstas na lei da Policía galega de 2007, cuxo cumprimento ten sido bloqueado polo PP desde a chegada ao poder de Feixoo. Tería de ser a Policía de Galicia (así denominada na iniciativa do PSdeG) a que se ocupase da vixilancia do tráfico nas vías inter-urbanas. Transitoriamente, e mentres non completar o seu despregamento en todo o territorio, a Garda Civil continuaría a operar nas estradas e auto-estradas do país.

O documento tomado en consideración pola Cámara pasará agora á comisión correspondente de tramitalo, onde os diferentes grupos parlamentares presentarán e debaterán modificacións antes da súa aprobación final.

Esta é a segunda vez que o Parlamento galego aproba unha lei para a transferencia das competencias de tráfico a Galiza. En 2008 todos os grupos apoiaron unha proposición neste sentido que, finalmente, foi rexeitada no Congreso co voto en contra do PSOE e a abstención do PP.