INICIATIVA DO BNG

O Parlamento volta a instar a Xunta a que demande máis financiamento para os concellos

O Parlamento volta a instar a Xunta a que demande máis financiamento para os concellos
Jorquera, nunha comparecencia
Jorquera, nunha comparecencia  

Un concello como A Coruña recebe 270 euros por habitante procedentes da súa participación nos ingresos do Estado. Barcelona ten, en troca, 664 e Madrid, 489. 


O 9 de abril de 2015, a Cámara galega dera luz verde a unha iniciativa que emprazaba a Xunta a se mover politicamente para conseguir a reforma do modelo de financiamento dos concellos galegos, en concreto no que ten a ver cos fondos que obteñen da súa participación nos ingresos do Estado (PIE).

Aquela proposición non de lei non se chegou a materializar en nada en concreto, daí que o BNG voltase a levar o asunto á comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento para instar ao seu cumprimento. Isto é o que se debateu esta tarde e o que se aprobou por unanimidade. Falta agora que se cumpra. Como ironizou Francisco Jorquera ao termo do debate: “Agardo que, se resulta aprobada, non sexa necesario que dentro duns meses debatamos unha iniciativa na que se inste a Xunta a dar cumprimento ao acordo deste 18 de febreiro”.

Os dados que achegou Jorquera ao debate levan o carimbo da FEGAMP. A chave do asunto é que o actual modelo de participación dos concellos nos ingresos do Estado non toma en suficiente consideración variábeis tan relevantes para Galiza como o avellantamento da populación ou a dispersión do hábitat [cumpre lembrar a este respeito que o noso país, con apenas o 5,9% da poboación do Estado, ten en troca a metade de núcleos habitados que existen no territorio estatal].

“Acabamos de saber que en 2016 se vai producir un recorte de 10,6 millóns de euros nos fondos que receben os nosos concellos a cargo do PIE. Pasaremos de 582,88 millóns a apenas 572,8”, denunciou Jorquera. “É unha diminución que agrava as consecuencias dun modelo escandaloso, claramente discriminatorio para o noso país”, alegou.

Segundo os dados da FEGAMP, desde 2004 os concellos galegos deixaron de perceber 1.376 millóns de euros a consecuencia deste modelo de PIE.

Se compararmos os dados Galiza/España en financiamento por habitante, a discriminación é patente. En 2015, os concellos galegos receberon 216,06 euros por habitante, face a media estatal de 263,16. Cuase un 20% menos.

Os dados han ser piores segundo as proxeccións de 2016. Jorquera deu o dado de que a media galega será de 209 euros por habitante, entanto que nos municipios da comunidade autónoma madrileña os ingresos por persoa serán de 344 euros. 135 euros máis, un 40%.

En 2015, os concellos galegos receberon 216,06 euros por habitante, face a media estatal de 263,16. Cuase un 20% menos

O desequilibrio tamén é brutal se ollamos os concellos máis urbanos, de acordo coa información achegada polo parlamentar nacionalista. É ilustrativo a este respeito realizar unha comparativa entre A Coruña, a cidade galega que recebe máis fondos do PIE, e por exemplo Barcelona. A desproporción é sideral: A Coruña tería 270 euros, en tanto que a capital catalá xestionará 664 euros. A diferenza tamén é moi abastada se tomarmos como referencia Madrid ou Valéncia, con 489 e 424 euros, respectivamente.

Todo isto leva ao portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, a concluír que “estamos ante un sistema de financiamento local que condena á insuficiencia de recursos aos concellos galegos e que, portanto, lastra as posibilidades de benestar dos seus veciños e veciñas".