A MESA PARA A CONFLUENCIA CONFÓRMASE SEN OS PARTIDARIOS DE VILLARES

Partidos e mareas das cidades rexeitan En Marea como “partido vertical de corte clásico”

Partidos e mareas das cidades rexeitan En Marea como “partido vertical de corte clásico”
Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016. Foto: cedida.
Plenario de En Marea. 17 de decembro de 2016. Foto: cedida.  Foto: En Marea

Anova, Esquerda Unida e Podemos e as mareas que gobernan Compostela, A Coruña e Ferrol veñen de conformar a chamada Mesa para a Confluencia. A súa primeira xuntanza, á que non asistiron os partidarios de Luís Villares -portavoz de En Marea-, concluíu cun documento no que, entre outras cousas, rexeitan “a construción dun partido vertical de corte clásico”.
 


“A Mesa para a Confluencia é un espazo de comunicación no que participan as organizacións políticas e candidaturas locais da unidade popular”, autodefínese no comunicado, “e constitúese para resolver diferencias e procurar a corresponsabilidade das partes na construción dun espazo político galego común”. De fondo, o conflito máis ou menos larvado que, desde hai meses, axita o seo de En Marea e que enfronta Villares e os seus partidarios -fundamentalmente a corrente antes chamada Cerna- co resto de partes da confluencia.

O documento elaborado na mesa parte da “necesidade da unidade popular” e coloca como exemplo de funcionamento as candidaturas municipais “xa asentadas”: “Son un exemplo de como se pode conformar a confluencia, e nos seus modelos debería recoñecerse En Marea”. A maiores, consideran que “unidade non significa uniformidade, a pluralidade interna enriquece e torna máis forte o proexecto político”. A actual dirección de En Marea, despois dunha serie de traumáticos procesos, conta unha ampla maioría de afíns a Villares.

O texto tamén se refire ao “suxeito político galego” que, para os asinantes, “é imprescindíbel reforzar a partir duns obxectivos comúns que sumen e multipliquen”. Engade que isto “se debe traducir nun programa político transformador, alternativo ás políticas neoliberais”. E insiste en que “o formato legal do suxeito e a articulación orgánica do espazo de unidade popular non sempre teñen que coincidir”.

“A articulación orgánica do espazo non pode traducirse na construción dun partido vertical de corte clásico”, finaliza, “cómpren fórmulas innovadores e horizontais”.

Compostela Aberta foi a impulsora inicial da Mesa para a Confluencia. Ausencia dos villaristas convértea antes que órgano de diálogo, en aglutinante da oposición interna ao propio Villares e os seus apoios.



x