XVII CONGRESO

Paulo Ríos, novo secretario xeral da UMG

Paulo Ríos, novo secretario xeral da UMG
Paulo Rios Santomé
Paulo Rios Santomé  

O Centro Social Leste de Pontevedra acolleu durante o sábado o XVII Congreso da Unión da Mocidade Galega, organización xuvenil da UPG. Unha cita que concluíu coa elección do novo secretario xeral, Paulo Ríos Santomé, que substitúe Adrián R. Bravo.


Intervención de Néstor Rego na sesión de Clausura do XVII Congreso da UMGPaulo Ríos Santomé é o novo secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), en substitución de Adrián R. Bravo, após o XVII Congreso da organización xuvenil da UPG, que decorreu o sábado en Pontevedra baixo o lema “Organizando a revolución, liberando a Patria Galega” e que contou coa participación de Néstor Rego, secretario xeral da UPG.

Aos seus 25 anos, Paulo Ríos é integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova como responsábel comarcal do Morrazo, do Consello Local do BNG de Moaña e do Consello Comarcal do Morrazo. É o concelleiro de Mocidade do de Moaña.

O secretario xeral puxo en valor o traballo iniciado pola anterior dirección e apostou en afortalar a organización, así como en ampliar o traballo nos colectivos dos que a UMG forma parte

Nunha nota de imprensa, o novo secretario xeral pon de manifesto que afronta a súa elección con “ilusión” e “cunha grande responsabilidade de traballar para contribuir ao proxecto de liberación social e nacional da Galiza.” Sinala que o seu obxectivo á fronte da UMG é continuar o traballo iniciado pola anterior dirección, afortalar a organización e ampliar o traballo nos colectivos dos que a UMG forma parte no ámbito xuvenil e estudantil. "O anterior período déixanos unha UMG máis forte e cohesionada, que seguiremos coidando e que dará os seus froitos sempre entregados ao ben común", expresou.

No seu discurso, Ríos Santomé parabenizou Galiza Nova pola traxectoria de 30 anos e lembrou a "importante contribución da UMG" na organización xuvenil do BNG. A continuación, explicou que unha das prioridades do colectivo xuvenil da UPG debe ser "o traballo no seo de Galiza Nova e do BNG", así como a socialización do proxecto entre o conxunto da mocidade galega. Tamén apostou, sen ambaxes, por Erguer. Estudantes da Galiza como “ferramenta indispensábel para defender os intereses do estudantado galego”. Avogou por traballar en Erguer “desde o consenso, a lealdade e o ben común”.



x