VISITA DE EURODEPUTADAS AO IMÓBEL ESPOLIADO POLO DITADOR

O pazo de Meirás é ‘unha anomalía democrática única en Europa’

O pazo de Meirás é ‘unha anomalía democrática única en Europa’
Solé, Evans, Urbán, Miranda e Bilbao [Foto: Laura R. Cuba]
Solé, Evans, Urbán, Miranda e Bilbao [Foto: Laura R. Cuba]  

Unha comitiva de europarlamentarios coordenada por Ana Miranda (BNG) visitou in situ o complexo sadense para estudar o caso de espolio público durante o franquismo


Esta sexta feira, cinco representantes do grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo acudiron ao pazo de Meirás para coñecer de primeira man este Ben de Interese Cultural que continúa a pertencer á familia do ditador Francisco Franco. Izaskun Bilbao (PNV), Miguel Urbán (Podemos), Jordi Solé (ERC) e Jill Evans (Plaid Cymru galés) foron guiados na súa visita a Galiza pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.

O Pazo fora declarado BIC no ano 2007 durante o goberno do bipartito. En 2010, ao non cumprir os deberes que se desprenden desta denominación, a familia Franco –responábel de xestionar o inmoble– é obrigada a manter como mínimo catro visitas ao mes. Após incumprir durante anos a normativa, a Fundación Francisco Franco asume o verán pasado as tarefas de xestión, que lle son delegadas pola familia do ditador. Nunha carta pública na que se refire a Franco como “amado líder” ou “conductor de la patria española”, a entidade explica o novo réxime de visitas, que só permite unha exploración parcial da vivenda e sempre guiada por un membro da propia fundación.

Co ánimo de denunciar a situación actual do pazo de Meirás –que chegou a mans do tirano como agasallo de figuras como Barrié de la Maza e outros persoeiros das elites pro-fascistas, que conseguiron os fondos para mercar o inmóbel mediante a extorsión sistemática á poboación–, o BNG organizou unha acción sorpresiva o pasado agosto. Durante unha das contadas visitas, arredor de corenta persoas saltaron os muros do recinto e subiron á torre de Emilia Pardo Bazán, desde onde penduraron unha pancarta que reclamaba ‘O Pazo para o pobo’. Ante isto, Ana Miranda explica en declaracións a Sermos Galiza que as participantes están a recibir multas de –mínimo– 1.500 euros.

Ana Miranda na visita eurodeputados ao Pazo de Meirás

Este agasallo de persoeiros coruñeses, que pretendía tirar rédito político de establecer perto da Coruña a residencia vacacional do xefe de estado franquista, está actualmente en venda cun prezo de saída de 8 millóns de euros. Após a morte de Carmen Polo, unha parte da familia está en desacordo con manter a propiedade xa que non estaría a ser rendábel en termos económicos.

‘Non é cuestión de reabrir feridas ou de revanchas senón de xustiza’

A primeira hora da mañá, a comitiva formada por representantes políticos e xornalistas saen desde A Coruña até Sada, onde son recibidos no Concello polo propio alcalde, Benito Portela (Sada Maioría), nunha breve audiencia. A eurodeputada polo PNV Izaskun Bilbao, tamén responsábel do grupo de Memoria Histórica, intervén durante a recepción no salón de plenos. “Non é cuestión de reabrir feridas ou de revanchas senón de xustiza. Cremos nos dereitos humanos e principios democráticos e non hai outra forma de construír futuro, que é o que se merece toda a cidadanía en todo o Estado español”, declara ante un público no que tamén estaban presentes o deputado de En Marea e líder de Anova Antón Sánchez e a eurodeputada eleita nas listas de AGEe Lidia Senra.

O eurodeputado catalán por ERC e tamén alcalde do Concello de Caldes de Montbui, Jordi Solé, asinou no libro de honra do consistorio en nome de todo o grupo apoiando a loita pola devolución do pazo de Meirás ao poder público e, en concreto, ao pobo sadense. Logo do acto institucional, o grupo de máis dunha vintena de persoas desprazouse até o Pazo de Meirás.

Seis hectáreas de espolio

Após as comprobacións do garda de seguridade privada, a delegación entrou no recinto, que actualmente abarca seis hectáreas –antes de o ditador comezar a usar a propiedade como residencia, a extensión do terreo era menor, mais houbo que expropiar as fincas anexas por medidas de seguridade–. Ante a fachada do pazo e fronte ás cámaras de televisión, a eurodeputada galesa Jill Evans destacou a súa sorpresa ante un caso así, que definiu como excepcional dentro da Europa. “Isto é único, estou impactada, no Reino Unido non se permitiría algo así. Aprendemos da nosa historia para construír un futuro mellor con xustiza”, comenta.

IMG_0499O eurodeputado de Podemos, Miguel Urban, incide na prevalecencia do franquismo máis de corenta anos despois da morte do ditador. “É unha anormalidade democrática, a devolución de Meirás ao poder público é parte dun traballo máis grande para reparar o espolio que sufriu o pobo galego. Non é unha cuestión de pasado, memoria ou dignidade senón de xustiza e de construír un presente e un futuro de democracia”, afirma. Esta loita contra a impunidade e a normalización da mesma tamén foi abordada por Solés, quen instou a “poñerse ao día en políticas de memoria” e lembrou que “a transición non foi modélica, senón non estaríamos aquí”.

Na súa quenda de palabra, Ana Miranda lembrou o caso dunha visita equivalente realizada polo mesmo grupo ao Valle de los Caídos, en Madrid. “Un eurodeputado alemán que viña con nós estaba escandalizado porque vía imposíbel que no seu país existise unha Fundación Hitler ou Mussolini”, sinalou como alarma para subsanar estas situación de “aberración democrática”. Alén do eido patrimonial, Bilbao trouxo á tona o problema dos desaparecidos dentro da lei pola memoria histórica. “Quero lembrar que, despois de Camboya, España é o país con máis foxas e persoas desaparecidas, máis de cen mil persoas”, puntualizou.

Un paseo pola residencia vacacional do ‘Generalísimo’

Comeza a visita. As cámaras de vídeo son desaloxadas do recinto após a declaración aos medios. “É a primeira vez na historia que lles deixan mesmo entrar ata aquí, quitando unha reportaxe da Hola”, sinala Miranda. Un membro da Fundación Francisco Franco de idade avanzada amosa a capela, onde descansan as figuras do Pórtico da Gloria que representan a Abraham e Isaac, reclamadas polo propio Concello de Santiago de Compostela. Cuestionado pola procedencia desas figuras, o guía decide non comprometerse. O seu relato sobre o Pazo xira máis arredor da historia de Emilia Pardo Bazán que sobre o “Generalísimo Franco”, nome polo que o guía alude o ditador.

Antes de entrar na propia vivenda, prohíben o uso de cámaras. Algunhas persoas atrévense a usar aquela integrada no seu dispositivo móbil e son reprendidos polo guarda de seguridad privada que vela a visita canda outro traballador esporádico da Fundación. O vestíbulo está presidido pola bandeira franquista, un busto de bronce e varios cadros do ditador, onde tamén poden ser apreciados os múltiples trofeos de caza sustraídos durante as súas longas estancias vacacionais na residencia.

O grupo visita dúas salas con cheminea. Destaca a figura de Carmen Polo, esposa de Francisco Franco. “No fue académica de la lengua por el machismo imperante en la época, escribió de todo”, explica o guía. A esposa do ditador e o propio Franco aparecen en bustos e retratos –estes últimos obra de Fernández Álvarez de Sotomayor–, alén de cadros pintados polo propio dictador. Toda a vivenda ten numerosos motivos mariñeiros, froito da paixón polo mar do tirano. Unha das salas acollía, na altura, aqueles consellos de ministros anuais que mesmo chegou a presidir nalgunha ocasión o actual rei emérito.

IMG_0536

Vetan a entrada a un vello comedor baixo o pretexto de “non amosar ningún interese histórico ao ter mudado de mobiliario a un máis acutal”. Na biblioteca, un cadro do III ano triunfal de Bertuchi preside a estancia. O garda de seguridade chama a atención polo uso dos móbiles e, outra vez na entrada, finaliza a visita polo interior da vivenda. Nos xardíns, antes de marchar, o guía enxalza a obra política de Francisco Franco, por quen di profesar “unha grande admiración”. “Recolleu unha España totalmente atrasada e cunha fame terríbel e unha guerra entre irmáns que é un auténtico crime volvela rescatar, porque cousas que pasaron afortunadamente tiñan que estar esquecidas”, sentencia.

Unha comisión pro devolución

Logo dunha última declaración aos medios fronte ao pórtico de entrada do pazo, a comitiva finaliza a mañá cunha recepción na Deputación da Coruña, entidade impulsora da actual Comisión pro Devolución do pazo de Meirás. A vicepresidenta Goretti Sanmartín explica á audiencia o traballo e resultados de dita comisión. “É un esforzo de moitos anos de colectivos varios en defensa da memoria histórica” que pretende poñer fin “ao espolio que sufriu mediante a extorsión á poboación da contorna naquela altura”, di. A comisión pro-devolución impulsada desde a Deputación da Coruña reúne diversos actores implicados, varios concellos da provincia e asociacións de memoria histórica.

Alí presentes estaban Izaskun Bilbao, Jordi Solé, Miguel Urban, Ana Miranda, Jills Evans e, en representación do eurogrupo parlamentario socialista, o ex ministro de Fomento José Blanco. O tamén ex vicesecretario xeral do PSOE lamentou que non se levasen a termo todos as previsións contidas na lei da memoria histórica, un texto legal impulsado polo Gobenro Zapatero que, dixo, supuxo “o orgullo da nosa lexislatura, aínda que non todo o mundo crese que fose suficiente” e reafirmou a súa confianza en que co esforzo colectivo poderán conseguir o seu obxectivo.

Por último, Sanmartín aproveitou o momento para congratularse polo esforzo dunha moción conxunta da corporación. “A máis plural” e volveu demandar a restitución ao espazo público do pazo de Meirás. “Non imos dar volta atrás”, concluíu.

Nota: a foto das declaracións de Ana Miranda é da autoría de Xurxo Lobato. O resto das imaxes son de Laura R. Cuba.