ANA PRIETO, CANDIDATA NÚMERO 1 DO PSOE POR LUGO

"Pedro Sánchez demostrou que os socialistas temos un proxecto para Galiza"

"Pedro Sánchez demostrou que os socialistas temos un proxecto para Galiza"
Ana Prieto
Ana Prieto  

A luguesa Ana Prieto Nieto é a primeira tenente de alcalde da cidade amurallada e titular da área de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, ademais de secretaria de Estudos e Programas da executiva do PSdeG. Afronta agora o reto de encabezar a candidatura do seu partido ao Congreso pola circunscrición de Lugo.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Estamos nun momento político de enorme importancia para Galiza. O vindeiro 28 de abril xogámonos a posibilidade de reeditar un novo goberno socialista, un goberno que continúe loitando pola igualdade e a dignidade das persoas.

Necesitamos un goberno que defenda a Galiza dos dereitos e das liberdades, da modernización dos sistemas de trasporte, comprometido co estado do benestar, co desenvolvemento económico dos recursos propios en harmonía coa sostibilidade medioambiental e co avance na igualdade das persoas.

Sabemos escoitar a cidadanía e non silenciala

Pedro Sánchez soubo demostrar nestes meses de goberno que os socialistas temos un proxecto para Galiza, que sabemos escoitar a cidadanía e non silenciala, e que queremos afrontar os problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos, para solucionalos.

Queremos una Galiza chea de oportunidades, dereitos e servizos para que cada persoa poida escoller onde desenvolver o seu proxecto de vida.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

O 1 de xuño de 2018 unha moción de censura saíu adiante por primeira vez na historia da democracia en España. Ese día caeu un goberno do PP, manchado pola corrupción, un goberno sustentado por un partido ao que sentenciaron por financiación irregular, un goberno responsable dos maiores recortes e retrocesos no estado do benestar cun fondo impacto en Galiza.

Foi un goberno socialista quen traballou de firme polos dereitos sociais máis fundamentais

Nestes meses, foi un goberno socialista quen traballou de firme polos dereitos sociais máis fundamentais. Nestes meses de goberno o protagonismo é das persoas, porque nada, ningunha acción de goberno, ten sentido sen elas.

Foi un goberno socialista o que apoiou a revalorización das pensións, a universalidade da sanidade pública, que traballa pola eliminación do copagamento farmacéutico, polos os pensionistas, loita contra a pobreza infantil, ou está comprometido coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, entre outras moitas cuestións.

Son medidas todas elas que teñen as persoas como eixo de actuación; sen esquecer unha decidida aposta polo naval ou poñer data próxima e orzamento para a chegada da alta velocidade a Galiza.

Son medidas todas elas que teñen ás persoas como eixe de actuación

O bloqueo dos orzamentos xerais do Estado por parte das dereitas deixou no tinteiro outras moitas medidas de carácter social, que teremos que retomar con forza tras o 28 de abril. Para iso, temos que gañar estas eleccións xerais.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

O impulso á modernización e o desenvolvemento do medio rural require dunha estratexia e dunha abordaxe integral e transversal. Así paralelamente fariamos fronte ao problema da despoboación da zona rural, xa que se contribuiría a fixar poboación, combatendo o problema da despoboación, e do envellecemento, fortalecendo a sostibilidade demográfica.

Debe producirse un cambio integral nas políticas sanitarias galegas

Por outro lado, as infraestruturas, as comunicacións e novas tecnoloxías son necesarias para abrir unha fiestra vital de cara ao desenvolvemento da sociedade galega no seu conxunto e especificamente no territorio rural, xunto cunha defensa da industria galega que sexa compatíbel coa sostibilidade ambiental. Debe producirse un cambio integral nas políticas sanitarias galegas.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Calquera compañeira ou compañeiro que loite pola España e pola Galiza na que cremos; os e as socialistas sentimos a España e a Galiza dentro do noso corazón, con toda a paixón, intensidade, enerxía e compromiso.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Calquera que teña como obxectivo a mellora dos meus veciños e veciñas da provincia de Lugo (e poden ser moitas), como por exemplo a mellora da comunicación ferroviaria ou a posta en marcha de medidas correctoras do despoboamento e avellentamento do rural.

Como ve as opcións do PSOE na cita electoral?

Con moita ilusión e un optimismo razoábel que se reflicte nas distintas enquisas onde a cidadanía valora positivamente as políticas postas en marcha nun período tan pequeno de tempo e cun grupo parlamentario reducido.

O futuro de España, e polo tanto de Galiza decidirase nas urnas

O futuro de España, e polo tanto, de Galiza decidirase nas urnas. Non podemos permitir que ningún voto progresista quede na casa o 28A. Porque o  PSOE é una opción de goberno estábel e críbel.