Feijóo lanza desde Brasil novas promesas para o naval galego

Feijóo lanza desde Brasil novas promesas para o naval galego
Feijóo co conselleiro delegado de Sete Brasil
Feijóo co conselleiro delegado de Sete Brasil  SG

Ao igual que hai seis meses en México, Feijóo aproveita a viaxe institucional a Brasil para lanzar novas mensaxes de oportunidades para o naval galego. Se daquela fora Pemex, agora é Petrobas. Mentres, no naval prosegue a destrución de empregos

O presidente en funcións da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, está de viaxe institucional en Brasil; para procurar novas oportunidades para sectores estratéxicos de Galiza, sinalan no gabinete de comunicación. E a poucas horas do seu desembarco no país brasileiro, Feijóo xa anunciou que se estaba a avanzar en importantes oportunidades para o naval galego a través da participación na renovación da frota de Petrobras, a décima petroleira do mundo.

Un guión que garda moitas semellanzas co escrito hai uns seis meses polo propio Feijóo, naquela ocasión desde México e con Pemex como protagonista. E, tamén, co naval galego como o sector que se ía beneficiar das xestións do mandatario do goberno galego. Brasil, supón, xa que logo, máis unha viaxe do presidente como plataforma de anuncios de solucións a sectores en crise.

Feijóo afirmou que o naval galego ten en Brasil "unha nova porta" para construír barcos e xerar carga de traballo e emprego. Practicamente o mesmo anuncio que fixo en México. Meses despois daquel anuncio, coa poderosa multinacional Pemex como protagonista, as interrogantes seguen abertas.

Interrogantes

Tras a presentación en plena precampaña dun acordo con Pemex para construír dous buques floteis, Feijóo viuse no centro da controversia. Non só porque a Xunta Electoral censurase o acto de presentación do contrato por desenvolver dentro da precampaña. Senón porque axiña comezaron a chegar novas desde México que contradicían as manifestacións do goberno galego. Así, varios conselleiros de Pemex aclararon que o que había era un preacordo para participar nunha licitación dos barcos, e non un acordo firme.

E agora, nesta visita a Brasil, a chiscadela de Feijóo volve ser para o sector naval, ao afirmar que hai "fundadas esperanzas dunha alianza estábel e de colaboración" entre estaleiros galegos e brasileiros. Mais polo de agora non concretou ren a respecto dese futuríbel.