O persoal do Concello de Ourense pide ao alcalde que deixe de "difamarnos" e "acusarnos"

O persoal do Concello de Ourense pide ao alcalde que deixe de "difamarnos" e "acusarnos"

A Xunta de Persoal mostra a súa repulsa para coas “constantes e ofensivas declaracións” de Pérez Jácome, solicítalle que rectifique publicamente e insta o PP, “o seu socio de goberno”, a que se pronuncie.


Os traballadores e traballadoras do Concello de Ourense están máis que fartos e fartas dos ataques do seu alcalde, Pérez Jácome, cando este apenas leva tres meses no posto. O órgano representativo dos empregados e empregadas, a Xunta do Persoal, deu a coñecer un comunicado no que queren mostrar “o seu absoluto rexeitamento e repulsa ás constantes e ofensivas declaracións, acusacións e difamacións do alcalde cara todos os traballadores desta Administración, que dependendo do Servizo son vertidas con maior ou menor grado de inquina.”

Por iso exixen a Pérez Jácome que “cese nos seus continuos ataques cara os que hoxe son os seus traballadores”, e que faga “unha rectificación pública das reiteradas agresións manifestadas tanto en medios de comunicación como en Redes Sociais”.

A Xunta de Persoal tamén se dirixe ao PP para pedirlle que se posicione publicamente sobre o comportamento do alcalde nestas cuestións.