Piden a comparecencia de Feixoo para que explique que vai facer ante o feche de Endesa

Piden a comparecencia de Feixoo para que explique que vai facer ante o feche de Endesa
Xunta de Portavoces
Xunta de Portavoces  

Grupo Común da Esquerda, BNG e En Marea farán a solicitude na xunta de portavoces.


O anuncio do adianto de fechamento da central térmica das Pontes chega ao Parlamento da Galiza, onde o Grupo Común das Esquerda, BNG e Grupo Mixto solicitarán na xunta de portavoces a comparecencia do presidente galego, Núñez Feixoo para que explique que vai facer o goberno ante ese feche.

O Grupo Común da Esquerda considera que “o  goberno galego ignorou esta ameaza certa [de fechamento] , non reaccionou, e mesmo o PP votou en contra de propostas que pedían traballar nun plan de emprego para a comarca, vinculado coas enerxías renovábeis que garantizara os postos de traballo”, sinalou a deputada Luca Chao.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a inmediata comparecencia do presidente da Xunta, pois “Feixóo debe explicar como vai garantir o futuro de Endesa nas Pontes e os problemas derivados dunha grave  crise industrial na que esta empresa é só a punta do iceberg”.

Pontón advertiu  que o feche da central pon en risco o futuro do concello e da comarca e despois de trasladar a solidariedade do BNG a todos os traballadores e traballadoras afirmou que é necesario abordar de “maneira rigorosa a transición ecolóxica e  a descarbonización” pero sobre todo, “como e cando” debe producirse  o proceso sen esquecer que o máis importante é ofrecer unha alternativa antes da paralización da central.

O grupo mixto apoiará esas peticións de comparecencia na Xunta de Portavoces, mentres que o PSdeG non desvelou o seu posicionamento ao respecto. Luís Villares considera que durante estes últimos dez anos tanto PSOE como PP estiveron “enganando a cidadanía facéndolle crer que a central térmica permanecería aberta ata 2045 recibindo subvencións por contaminar”.

Quen si o fixo foi o PP, que por boca do seu portavoz parlamentar, Pedro Puy, acusou a oposición de querer “ensarillar o debate” e defendeu que a Xunta cumpriu co seu deber, algo que non fixo, dixo, o goberno español.