Unha plataforma suma apoios da Galiza ao proceso soberanista de Catalunya

Unha plataforma suma apoios da Galiza ao proceso soberanista de Catalunya
Plataforma Galiza con Catalunya
Plataforma Galiza con Catalunya  

Colectivos e organizacións sociais ademais de persoas a título individual suman apoios ao proceso soberanista desde a Plataforma Galiza con Catalunya que se presentou esta quinta feira en Compostela. O 11 de setembro un V na Praza da Quintana mostrará o apoio galego ao referendo catalán. 


Quince organizacións sociais, políticas e sindicais do ámbito nacionalista ademais dun grupo de persoas forman parte do grupo inicial da Plataforma Galiza con Catalunya que sumará novas adhesións nas vindeiras semanas a través da súa páxina web galizaconcatalunya.org. 

A formación dun V simbólico o vindeiro 11 de setembro ás 19 horas na praza da Quintana de Compostela, ecoando o que se desenvolverá en Barcelona, será o primeiro acto simbólico que deixará á vista o apoio do nacionalismo galego ao proceso soberanista catalán. “Transmitimos a nosa solidariedade co pobo catalán e o noso apoio perante os entraves de todo tipo (xurídicos, políticos, mediáticos, policiais) que interpón o Estado Español. En particular, manifestamos o noso apoio expreso á celebración da consulta de 9 de novembro e o noso rexeitamento á prohibición da voz do pobo”, afirman no manifesto feito público na rolda de prensa e que se recolle íntegro na páxina de Galiza con Catalunya. 

Se avanzan en Catalunya, gañamos nós

Alén de animar á comunidade galego-catalá a participar no proceso, as persoas e colectivos asinantes defenden o dereito dos Países Cataláns a decidiren o seu propio futuro  “por un elemental sentimento de solidariedade con todos os pobos do mundo e co seu dereito á autodeterminación”, mais mostran tamén o interese no avanzo do proceso xa que o seu éxito redundará, segundo di, no propio beneficio do pobo galego camiño cara á un futuro soberano. “Se o Estado Español rompe por fin, todo estará aberto e en xogo de novo, a comezar polas liberdades nacionais de Galiza e Euskal Herria”, sinalan no seu manifesto. 

Agir, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Ceivar Organismo Popular Anti-Repressivo, Colectivo Nacionalista de Marín, Comités, Confederación Intersindical Galega, Frente Popular Galega, Galiza Nova, Isca!, Mar de Lumes - Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, NÓS-Unidade Popular, Partido Comunista do Pobo Galego, [email protected] [email protected] son as organizacións e colectivos que se sumaron de inicio á Plataforma apoiada tamén por asinantes individuais como a profesora Elvira Souto, escritores e escritoras como Lucía Novás, Rafa Villar, Teresa Moure, Séchu Sende ou Xurxo Souto; activistas en distintos ámbitos como Jano Costas, Alberte Mera, Eva Cortinhas, Lu Fandiño, Miguel R. Penas, Noa Presas, Óscar Valadares, Pilar Estévez ou Valentín Alvite; xornalistas como Xosé Mexuto, Maurício Castro ou Xiana Arias e sindicalistas como Suso Seixo.