Os pobos sen Estado petan á porta da Eurocámara

Os pobos sen Estado petan á porta da Eurocámara

Escocesas, galesas, vascas, corsas, surtirolesas, galegas, irlandesas ou catalás, entre outras. Candidaturas nacionalistas, independentistas e rexionalistas acadaron este 26 de maio representación na Eurocámara para levar unha voz á marxe do discurso dos estados.


A ‘Europa dos Pobos’ tamén reclama o seu sitio en Bruxelas. Volveu facelo este domingo, 26 e maio, nas eleccións europeas. Máis dunha ducia de formacións autonomistas, nacionalistas e independentistas terán voz na Eurocámara na nova lexislatura europeaSeis son as europarlamentarias e europarlamentarios que este 26M foron eleitos no Estado español por candidaturas e listas de formacións das nacións sen estado. Tres desas cadeiras son para ‘Agora Repúblicas’, a coalición entre BNG, ERC e EH Bildu, que sumou máis de 1.250.000 votos. Tres formacións soberanistas que revalida así a súa presenza na Eurocámara. Junts, a candidatura do ‘president no exilio’ Carles Puigdemont, obtivo un millón de votos e atinxe 2 representantes en Bruxelas. O escano atinxido pola coalición liderada polo PNV -e da que fai parte Compromiso por Galicia- completa esta representación. Logrou 633.000 votos. Coalición por Europa, da que facían parte Compromís, En Marea ou Chunta Aragonesista, non consigue obter un eurodeputado embora recibir case 300.000 votos.

En total, todas estas candidaturas mencionadas sumaron máis de 3.200.000 votos.

En Bélxica os comicios do domingo outorgan seis eurodeputadas para as formacións flamengas, que se reparten a partes iguais entre a dereitista N-VA e a extrema dereita de Vlaams Belang. Ambas as dúas foron as máis votadas, con 13,5 e 11,4% dos votos respectivamente, nuns comicios nos que 12 formacións lograron ter presenza na Eurocámara.

Nas Illas Británicas unha das grandes vitorias foi a do escocés SNP, que logrou 38% dos votos, 9 puntos máis que nas anteriores europeas. A porcentaxe máis alta que se rexistrou no Reino Unido. 600.000 votos que permiten o independentismo escocés ter 3 representantes na Cámara europea. Os outros tres representantes escoceses para o Europarlamento – por Escocia elíxense seis europarlamentares- foron para o Partido do Brexit, os liberaldemócratas e os conservadores, ficando os Laboristas – hai anos hexemónicos - sen representación. En Escocia gañou o non ao Brexit, cómpre non esquecelo para entender o bo resultado do SNP, oposto a esa vía.

En Gales o Plaid Cymru situouse nestas eleccións europeas como segunda forza, con case 20% dos votos e superando os Laboristas. Mantén o seu eurodeputado. O soberanismo galés só foi superado polo Partido do Brexit de Neil Farange, que con 32,5% dos apoios nas urnas foi vencedor dos comicios europeos en Gales.

O Sinn Féin, pola súa banda, logra 3 representantes en Estrasburgo, dous deles pola República de Irlanda (15% dos votos) e o terceiro por Irlanda do Norte. Por estes seis condados irlandeses baixo dominio británico elíxense 3 eurodeputadas: unha delas foi para o Sinn Féin, outro para o unionista DUP e outro para o SDLP, formación de centro esquerda e partidaria dunha Irlanda unida.

Recunca no Europarlamento o corso François Alfonsi,  do Partido da Nación Corsa. Alfonsi é o representante de R&PS (Rexións e Pobos Solidarios), alianza de bretóns, corsos, alsacios... que concorreu a estas europeas coa lista dos Verdes. A piques estivo de saír elixida Lydie Massard, da nacionalista Unión Democrática Bretoa (UDB).

O Südtiroler Volkspartei (Partido Popular Surtirolés), de centro progresista e autonomista, mantén o seu escano en Estrasburgo.