EN MAREA CRITICA AS CONTAS

Podemos carga contra o bloque independentista: vetar os orzamentos "é xogar co pan e o sal"

Podemos carga contra o bloque independentista: vetar os orzamentos "é xogar co pan e o sal"
Irene Montero, moción de censura 13 de xuño de 2017.
Irene Montero, moción de censura 13 de xuño de 2017.  Foto: Flickr de Podemos

"Romper a maioría da moción de censura dificula a saída dialogada ao conflito de Catalunya", declarou esta terza feira Irene Montero, portavoz de Unidos Podemos. A dirixente do partido morado defendeu con vehemencia unhas contas cuestionadas por En Marea ao rexistaren un descenso nos investimentos do estado na Galiza.

 


Montero cargou con dureza contra o bloque independentista catalán —ERC e PDeCAT— por ter apresentado emendas á totalidade aos orzamentos,. O debate das contas comezou esta terza feira no Congreso e a petición da súa devolución ao goberno —ou sexa, do seu rexeitamento— será votada esta cuarta feira.

As emendas submétense a votación en bloque, isto é, non de forma separada, o que significa que as ERC e PDeCAT se sumarán as do bloque da dereita, PP e Cs.

A dirixente de Podemos cualificou de "irresponsabilidade" vetar os orzamentos, pactados pola súa formación co PSOE nos seus termos xerais, non na concreción dos investimentos territorializados, porque se estaría a xogar "co pan e o sal" da xente.

É precisamente nos investimentos territorializados onde aparece unha fenda no grupo confederal liderado por Podemos, ao ter formulado En Marea críticas ás contas do estado, por rexistaren un acusado descenso nos investimentos no noso país.

Fontes da confluencia consultadas por Sermos anotan que durante estes días En Marea mantivo contactos co goberno do PSOE para modificar á alza as contas para Galiza. Do desenlace das conversas dependerá o sentido de voto da representación do partido instrumental en Madrid, dixeron.