DAVID RODRÍGUEZ, AUTOR DE "O CANASTRO SEN TORNARRATOS"

"Podemos confrontará co noso proxecto nacional"

"Podemos confrontará co noso proxecto nacional"
David Rodríguez
David Rodríguez  

“Trátase de delimitar o ermo en que nos atopamos, paso primeiro para que algún día volva medrar a herba”. Sobre esta frase articula David Rodríguez (Vigo, 1975) O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia. Unha ollada galega, un ensaio editado por Xerais que aborda desde o europeísmo á situación de Galiza como nación sen Estado no marco da UE, pasando polo 15M ou o piñeirismo. Falamos co autor no Sermos312. Eis un avanzo da conversa.


-Son moitos os vimbios que toca na súa reflexión. O seu admirado Samir Amin, recentemente falecido, deu en cualificar a UE como “o capítulo europeo do proxecto americano”. Até que punto ten viabilidade Galiza nese marco?

-As nacións sen Estado están nunha disxuntiva un pouco endiañada á hora de enfrontarse á cuestión da UE. Por unha banda, tradicionalmente, case todas as nacións sen Estado viron no proceso da UE unha sorte de vía de escape das opresións estatais respectivas. En certa maneira, aínda que desde o nacionalismo galego se analizou moi criticamente o ingreso na Comunidade Económica Europea, pola influencia negativa no tecido económico do país, co paso do tempo acabouse aceptando e mesmo se acabou vendo como unha oportunidade de estar no mundo.

O problema da UE é que foi un espellismo que funcionou até que o proxecto decaeu após a crise económica de 2008. Aí evidénciase que a UE era un proxecto creado polos Estados onde hai unha xerarquía, onde hai un Estado dominante, que é Alemaña. Acabouse configurando como o soño do liberalismo: un executivo forte que ninguén elixe, un banco central europeo non suxeito a escrutinio popular e un parlamento que é unha caricatura, apenas ten capacidade para crear leis. O que parecía a vía de escape acaba véndose como unha calexa sen saída. E esta é a dialéctica na que están as nacións sen Estado: a loita contra os Estados que as oprimen e a loita contra esa superestrutura. Hai que ser conscientes desa dialéctica, non caer en espellismos que fagan pensar que integrarse na UE vai ser a gran solución.

-Que posición mantén en relación ao euro?

4 (3)

-O caso concreto do Estado español ten a súa peculiaridade, aquí o mantra de “España é o problema e Europa a solución” vén de moi atrás. No contexto do Estado español, formular calquera tipo de proposta que vaia contra esa especie de visión paradisíaca de Europa e que avogue por unha certa autoestima non ten moi boa acollida. Agora ben, creo que o do euro é un tema crucial para unha esquerda que queira facer políticas económicas diferentes do neoliberalismo. Unha reforma que vaia no sentido de favorecer as clases populares ten que poñer en cuestión o sistema euro, unha moeda feita a medida de Alemaña e feita para un país cunha capacidade exportadora moi grande (permítelle exportar a prezos máis baixos dos que debería). Pór en cuestión –ou como mínimo dar o debate– o funcionamento do euro e que papel cumpre na UE actual debería ser fundamental. Sorpréndeme que a esquerda non saque este debate. Aquí sempre se critica a Lei Montoro, como se o problema fose Montoro, e a lei Montoro responde ás directrices que veñen desde Berlín, para cumprir os acordos do euro. Debatemos cousas secundarias en vez de ir á raíz.

-Ligado ao anterior, no libro somete a crítica o europeísmo como ideoloxía de acompañamento do proxecto europeo. É posíbel a día de hoxe seguir definíndose como europeísta?

-Un pode definirse como europeísta se matiza moito. Até o de agora significaba identificarse con este proceso de construción europea que, como mínimo, desde Maastricht, é un proxecto neoliberal. O que non se pode é comprar directamente este europeísmo e o que nos venderon até agora como europeísmo.

[A íntegra da entrevista fai parte do Sermos312, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]



x