Podemos, EU e Anova chaman expresamente Villares a formaren “unha fronte ampla”

Podemos, EU e Anova chaman expresamente Villares a formaren “unha fronte ampla”
Luís Villares, nunha imaxe de arquivo
Luís Villares, nunha imaxe de arquivo  

Podemos, EU e Anova fixeron un chamamento “directo e expreso” a Luís Villares, portavoz de En Marea, en que lle piden “altura de miras e audacia” para crearen “unha gran coalición” contra o “fascismo”.


A só unhas horas de que En Marea conclúa as votacións das eleccións primarias para os comicios xerais -o prazo conclúe o domingo ás 23.59 horas e os resultados coñeceranse na segunda feira-, Podemos EU e Anova insistiron en pedirlle a Villares “altura de miras e audacia” para formaren “unha gran coalición” de esquerdas contra “o fascismo”.

“É necesaria unha aposta na unidade das esquerdas, xa que compartimos un mínimo común denominador, a defensa das clases subalternas e do pobo agredido”, sinalou Miguel Anxo Fernán Vello nunha rolda de imprensa en que tamén participaban Yolanda Díaz (EU) e Antón Gómez-Reino (Podemos).

O representante de Anova pediulle a Villares que “tome partido” e “se decida claramente”, mentres que Díaz salientou que a forza se amosa “na unidade”. Porén, engadiu, “quen queira colocarse na fila da debilidade e da derrota que se coloque”.

Na mesma liña, Gómez-Reino afirmou que “todos os actores que construíron na confluencia no ano 2015 e 2016 estamos no espazo de construción dunha candidatura de unidade cara ao 28 de abril” e agregou “quen queira manterse fóra, é a súa responsabilidade”.



x