GÓMEZ-REINO EXPLICA A PROPOSTA

Podemos insiste en retomar as negociacións co PSOE no punto en que racharon

Podemos insiste en retomar as negociacións co PSOE no punto en que racharon
O deputado de Galicia En Común Antón Gómez-Reino. Foto: Encomun.gal
O deputado de Galicia En Común Antón Gómez-Reino. Foto: Encomun.gal  
Cento vinte páxinas estruturadas en 13 apartados conforman o documento co que Podemos quere retomar as negociacións para formar goberno co PSOE. E quere facelo no punto en que racharon despois da investidura falida do pasado xullo. As tituladas Propostas para retomar o diálogo. Por un acordo integral de goberno de coalición non inclúen mencións explícitas a Galiza.

“É un documento amplo e flexíbel e moi importante tamén para o noso país”, argumenta porén o deputado no Congreso de En Común Unidas Podemos, Antón Gómez-Reino, en declaracións a Sermos, “en asuntos como a loita contra a precariedade laboral, as pensións [pretende a derrogación da reforma do PP], en medidas concretas contra a despoboación ou para o sector lácteo [estabelecemento do prezo mínimo] e agrogandeiro”. A portavoz da coalición en Galiza, Yolanda Díaz, fará parte do equipo negociador.

Só unha das actuais comunidades autónomas do Estado español aparece no texto: Catalunya. O punto 24 da sección dedicada a “anticorrupción, transparencia, democracia, diálogo e garantía dos dereitos e liberdades da cidadanía” refírese á constitución dunha “Mesa de Diálogo multilateral sobre Cataluña”. Máis alá do conflito catalán, o modelo territorial fica á marxe das proposicións de Podemos.

A derrogación da reforma laboral de 2012, a “situación de emerxencia habitacional” relacionada co acceso á vivenda, un amplo programa de medidas fiscais ou a idea de Green New Deal [Novo Acordo Verde] para limitar a “emerxencia climática” e promover a transición ecolóxica son algunhas das seccións dunhas páxinas que rematan con Propostas de estrutura de goberno. Xusto neste asunto as tensións cos socialistas acabaron por desbaratar as fugaces conversas de xullo.

“Irresponsabilidade de Sánchez”
“Calquera militante de calquera partido progresista, calquera cidadán, sabe que existe unha demanda maioritaria para que se forme goberno e evitar eleccións”, afirma Gómez-Reino, “sería unha irresponsabilidade por parte de Pedro Sánchez e o Partido Socialista que nos levasen de novo a eleccións”. Podemos envía ao PSOE catro escenarios de reparto de áreas, malia algunhas voces relevantes do Goberno en funcións advertir nas últimas semanas que a coalición xa non é unha opción.

Así, a formación de esquerdas quere a Vicepresidencia de Dereitos Sociais e Igualdade, o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, o de Sanidade e Consumo, e o de Vivenda e Economía Social. Ou a vicepresidencia, o Ministerio de Transición Ecolóxica, o de Ciencia, Innovación e Universidades e o de Vivenda e Economía Social. Ou a vicepresidencia, o Ministerio de Transición Ecolóxica, o de Ciencia, e o de Agricultura, Pesca e España Baleirada. Ou a vicepresidencia, o Ministerio de Cultura, o de Ciencia e o de Traballo.

“Non hai escusa por parte do PSOE”, entende o parlamentario galego, quen ve “con estupor” o silencio de Sánchez nas comunicacións cos seus teóricos socios durante as últimas semanas. Tamén lle preocupan certas mensaxes na órbita dos socialistas galegos que piden a abstención da dereita no Congreso para que Pedro Sánchez siga gobernando. “Entendo que un acordo de coalición en Madrid sería o mellor exemplo de cara ás próximas eleccións galegas”, di, e coloca Galiza como exemplo de que os pactos entre forzas de esquerdas e progresistas “sempre existiron á hora de formar gobernos de progreso”.

Podemos remitiu ao Partido Socialista as Propostas para retomar o diálogo esta terza feira, quen xa avanzou que o ve “inviábel”. Mentres, o Goberno anunciou que o “estudará”.