A policía española retén e identifica catro militantes do BNG na 'Vuelta' por pintaren 'Galiza Nación'

A policía española retén e identifica catro militantes do BNG na 'Vuelta' por pintaren 'Galiza Nación'

Os axentes requisaron o material que portaban os militantes do Bloque e exixíronlles a súa identificación. Desde a organización frontista denuncian a actuación policial


Esta fin de semana deu comezo a 'Vuelta' ciclista en Vilanova de Arousa. Á presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do líder do executivo español, Mariano Rajoy, sumóuselles a de militantes do BNG que acudiron coas bandeiras patrióticas galegas á primeira etapa da competición.

Ao seu paso polo concello de Baiona, @s nacionalistas recibiron as equipas con murais nos que se podía ler "Galiza Nación". Segundo informaron desde a organización frontista a Sermos Galiza, axentes da policía española "retiveron e identificaron" a catro deses militantes por teren pintado a estrada con ese lema. 

"Había moitos outros lemas pintados" na súa maior parte en apoio aos corredores --sinalan desde o BNG-- polo que denuncian a actuación policial. "Identificáronos a eles por levaren simboloxía nacionalista", apuntan. 

Os acontecementos que tiveron lugar no Alto da Groba --punto no que finalizou a etapa-- poderían rematar cunha sanción administrativa para @s 4 militantes do Bloque @s que xa lles foi requisado todo o material. 

Desde o BNG chaman a continuar coa campaña de visibilización da bandeira galega durante as etapas que restan na Galiza. Esta segunda feira comezará en Vigo para rematar en Vilagarcía de Arousa.