ESPIMOS OS PROGRAMAS

Como conseguir abaratar a factura da luz?

Como conseguir abaratar a factura da luz?
Política enerxética
Política enerxética  

Galiza exporta entre o 30 e o 40% da enerxía que produce e, a pesar de ser excedentaria e de soportar o impacto ambiental das empresas enerxéticas, as galegas e galegos pagamos o recibo da luz máis caro do Estado español. Vexamos que medidas defenden a este respecto as distintas formacións que se presentan na Galiza ás eleccións xerais do 28A.


Galiza exporta entre un 30 e un 40% da enerxía que produce, mais non recibe ningún beneficio por iso, mentres que soporta todos os impactos negativos e os prexuízos sociais e ambientais. Aínda así, en Galiza págase o recibo da luz máis caro do Estado, o que afecta de maneira troncal a moitas empresas e gran parte da poboación. Cífrase, neste sentido, nun 18% a poboación de Galiza está en situación de pobreza enerxética.

Neste contexto, apostan os partidos políticos por unha tarifa eléctrica galega? O BNG fixo dunha tarifa diferenciada para Galiza un dos alicerces das súas propostas políticas nos últimos anos. Ás declaracións públicas e presentación de iniciativas no Parlamento galego súmase o programa electoral dos comicios xerais, en que propón un modelo tarifario que abarate o prezo da electricidade. Considéraa o Bloque esencial para baixar o prezo da enerxía e compensar os custos ambientais da produción térmica, hidráulica e eólica na Galiza.

O BNG propón unha tarifa eléctrica galega

Avogan tamén as nacionalistas polo impulso do aforro enerxético, o descenso do impacto medioambiental, a soberanía enerxética e a consideración da electricidade como ben básico para a poboación. Ademais, apostan polo fomento do autoconsumo enerxético sustentábel e das enerxías renovábeis, así como pola redución do consumo de combustíbeis fósiles.

Creación dunha empresa pública galega en materia de enerxía

O BNG propón a recuperación das concesións dos encoros, que en moitos casos foron outorgadas durante o franquismo, de cara á creación dunha empresa pública galega en materia de enerxía.

Unidas-Podemos aposta nunha empresa pública de enerxía

Tamén carga contra as concesións dos encoros no seu programa electoral En Común Unidos Podemos, que persegue a creación dunha empresa pública de enerxía e recuperar automaticamente a xestión pública das centrais hidroeléctricas cuxas concesións caducasen.

Abandonar a política de grandes encoros “do franquismo”

Nese sentido, comprométese a abandonar a política de grandes encoros “do franquismo” e avoga por unha “xestión eficiente e ecolóxica da auga”.

En canto á factura da luz, considera que se trata dunha “trampa para pagar máis”, e aposta por que o termo fixo a pagar (consúmase ou non) non sexa superior ao 25% da factura. Propón que os primeiros kWh que se consomen, que son os básicos do consumo, teñan un prezo moi baixo, aumentando nos seguintes tramos para penalizar o dispendio enerxético. Anuncian tamén medidas de carácter social para as persoas que padecen pobreza enerxética.

En Marea avoga polo control público do prezo da electricidade

En Marea posiciónase no seu programa co control público do prezo da electricidade e tamén coa recuperación “inmediata” para o público das concesións das centrais hidroeléctricas caducadas. Avoga por “unha factura eléctrica accesíbel para todos os fogares” e pola reducción da fiscalidade no recibo doméstico da electricidade. Como medidas para a erradicación da pobreza enerxética, busca un bono social eléctrico e prohibir interromper a subministración eléctrica nin de gas a persoas consumidoras vulnerábeis.

Prohibir interromper a subministración eléctrica a persoas consumidoras vulnerábeis

Entre outras medidas, persegue a promoción do autoconsumo residencial e para pequenas e medianas empresas, sobre todo no rural; así como o emprego de enerxías renovábeis nas administracións e fomento da autoprodución eléctrica en edificios públicos, empresas e explotacións.



x