MONTSE PRADO, PORTAVOZ DE SANIDADE DO BNG NO PARLAMENTO

“As políticas do PP na sanidade teñen consecuencias graves e deben investigarse"

“As políticas do PP na sanidade teñen consecuencias graves e deben investigarse"

En Marea, PSdeG e BNG pactaron sumar forzas para que no Parlamento se cree unha comisión de investigación sobre a morte dun paciente no PAC da Estrada e as consecuencias dos recortes en Sanidade. Unha comisión que sae adiante embora non a apoiar o grupo que ten a maioría absoluta na Cámara, o PP. Iniciamos unha serie de entrevistas ao respecto cos portavoces de sanidade na Cámara galega.


-Por que esta comisión de investigación sobre a sanidade galega?

-É evidente que a situación na que está a sanidade galega é preocupante. A morte dunha persoa no PAC da Estrada este verán fixo saltar todas as alarmas. Sen a anuencia do PP só se pode convocar unha comisión na lexislatura e consideramos que tiña que ser sobre sanidade, porque somos conscientes da elevada preocupación social que hai a este respecto.

Desde 2009, en que goberna o PP, as súa políticas foron na dirección de deteriorar a sanidade pública. O PP xa non pode agochar debaixo da alfombra o que pasa e que vimos denunciando desde hai tempo. A situación nos PAC sabíase, denunciárano os propios profesionais e eu mesmo no Parlamento ao propio conselleiro díxenlle que reaccionasen porque ía pasar algo grave. Desgrazadamente, pasou. Que morra unha persoa sen atención sanitaria nun centro de saúde é motivo máis que abondo para investigar o que pasa: a falta de recursos, a falta de profesionais… e isto débese a unha determinada política, a que impulsa o PP. Por iso, crear unha comisión de investigación é o que debe de facer nun Parlamento que sirva os intereses do pobo.

Na Comisión queremos que se escoite a voz da xente que está a sufrir o que o PP fixo coa sanidade pública"

-O falecemento de José Manuel Brea no PAC da Estrada en agosto non vai ser a única cuestión a debate e análise nesta comisión de investigación, xa desde a posición anunciastes que se ían abordar máis temas.

-Queremos investigar que pasou no PAC da Estrada mais non só iso. Os recortes en persoal, en material, as consecuencias dos recortes, a privatización de servizos importantes da sanidade pública, a entrega de servizos a empresas fundamentalmente de fóra de Galiza, os copagamentos, o deterioramento da atención primaria, a realidade do abandono da saúde mental… Queremos que na comisión se trate todo o que afectou e afecta a sanidade pública. As políticas do Partido Popular teñen consecuencias graves e estas non poden obviarse, teñen que coñecerse, investigarse.

-Na presentación da comisión as tres forzas coincidiades na preocupación porque o PP puidese usar a súa maioría para ‘bloquear’ ou ‘desvirtuar’ unha comisión da que é evidente que non gosta

-Eles dixeron hoxe [por esta segunda feira] que lles parece moi ben a comisión (ri), porque así van poder falar de sanidade. Pois a ver se é certo. Se non teñen nada que agochar e, como eles din, a sanidade pública está fantástica; que permitan que se investigue a fondo, que a comisión faga o seu traballo. Que non impidan a comparecencia daquelas persoas que chamemos a comparecer, que non poñan trabas. Eles teñen moitos foros e altofalantes para vender o seu relato da sanidade pública, así que o que pedimos é que non impidan que esta comisión investigue, que non impidan que se escoiten outras versións, que se coñezan os datos, sobre todo da xente que está a sufrir o que o PP fixo coa sanidade pública.

-A comisión nace da acción conxunta dos tres grupos da oposición, é ese o camiño a seguir para facer fronte ao PP?

-O BNG sempre actuará conxuntamente con todos aqueles grupos e colectivos que defendan os servizos públicos ou que se enfronten ás políticas lesivas que o PP está a levar a cabo en Galiza. Mais iso xa o estamos a facer, o BNG deu mostras de saber sumar e apoiar todas aquelas iniciativas que considera que son boas para os galegos e galegas. Desde a transferencia da AP-9 até a devolución de Meirás, chegar a acordos e sumar para o país é unha liña que sempre defende o BNG.



x