INICIATIVAS SINGULARES

Pontevedra: coidar o comercio local

Pontevedra: coidar o comercio local
A rúa Rosalía de Castro en Pontevedra. Imaxe: cedida.
A rúa Rosalía de Castro en Pontevedra. Imaxe: cedida.  

O chamado modelo Pontevedra é case de dominio público. Recoñecementos e galardóns á decidida aposta do consistorio polos peóns e o espazo público máis alá do automóbil acumúlanse no concello. Pero a estratexia vai alén da intensa reforma urbana iniciada en 1999. Coidar o pequeno comercio é unha das preocupacións principais do Goberno local.
 


“A recuperación da cidade segundo o novo modelo serviu tamén para recuperar o seu dinamismo demográfico, económico e vital”, afirma o propio concello, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores do BNG, na súa defensa do “modelo de cidade”. Nesa liña é que entende e impulsa a política comercial e presume de “evitar a disgregación comercial”.

Porque unha mobilidade distinta, non centrada no coche, precisa de “comercio de proximidade, que xera moito menos tráfico a motor que os centro periféricos”. En Pontevedra só existe un centro comercial periférico que, segundo os datos do propio concello, só recibe un 15% dos habitantes da cidade unha vez ao mes. O 90% das pontevedresas e pontevedreses, pola contra, “realizan as súas compras cotiás en radios de proximidade dos seus domicilios”.

O Goberno local exhibe cifras e asegura que o sector terciario medrou 7,1 puntos porcentuais entre 2001 e 2015, “período de realización da reforma urbana”. O BNG senta na alcaldía desde 1999 e aspira a revalidala este 26 de abril. “Comercio hostalería ou servizos, localizados en zonas liberadas de automóbiles, experimentaron un desenvolvemento notábel”, di o Executivo.

Un dos sectores que salienta é o relativo aos alimentos frescos, cuxo acceso considera “unha das claves da calidade de vida”. Asóciano á “cómoda mobilidade peonil urbana” que “permite utilizar estes estabelecementos con facilidade”. “As persoas poden prescindir de mercar en grandes superficies para as compras perecedoiras”, engade, “e moitos estabelecementos teñen servizo rápido a domicilio ou permiten levar á casa os carriños de rodas”.

Capital Shopping


Máis alá da peonalización e as radicais mudanzas na mobilidade, núcleo do seu apoio ao comercio local, o Concello de Pontevedra tamén promove accións concretas. Pontevedra Capital Shopping é, talvez, a de maior alcance, deseñada para “reforzar a capacidade de atracción da capital como área comercial urbana”. “Grazas á non proliferación de centros comerciais periféricos que compitan cos negocios da cidade”, afirma ao respecto o concello, “as redes habituais do comercio local manteñen unha alta capacidade de atender a demanda existente”.

O Capital Shopping organizou desfiles de moda, unha guía do comercio local cunha aplicación para móbil e unha campaña de promoción exterior titulada Coñécesme?