ANÁLISE

Pontevedra, un dos escenarios menos emocionantes das grandes cidades

Pontevedra, un dos escenarios menos emocionantes das grandes cidades

En 1999 e tras sucesivos gobernos do Partido Popular, Lores iniciou unha insólita andadura como alcalde coa súa aposta por un modelo urbano baseado en librar a cidade de coches e devolver todo ese espazo aos peóns. Aos dous meses de chegar e no mesmo día en que se inauguraban as festas da Peregrina, pechou ao tráfico a Zona Monumental. Eis un extracto da análise publicada no semanario Sermos Galiza número 337.


mini4Cinco mandatos leva Miguel Anxo Fernández Lores profundando naquel modelo de cidade, antes deostado polos seus rivais políticos e sociais e hoxe encomiado até polo candidato do PP. Hoxe en Pontevedra, máis que do modelo de cidade fálase do “modelo de Lores”. As últimas reformas urbanas xa levan o modelo a cada recuncho da urbe. O alcalde viaxa cada pouco polo mundo enteiro recibindo premios e explicando en foros internacionais como os gobernos do BNG, durante algúns mandatos participados polo PSOE, aplicaron aquel sistema que hoxe moitas e moitos queren copiar. Así as cousas, as enquisas dinlle que esta vez ten a maioría absoluta ao alcance da man. Pode acadar a croa da súa vida política neste mes de maio.

Tras o susto das municipais de 2007, que case lle custan a alcaldía, o equipo do BNG pontevedrés decidiu non volver durmirse nunca máis nos loureiros. Iso foille levando até as doce concelleiras e concelleiros de 2015, rompendo un eterno empate co PP, ao que deixou con sete.

O mandato que termina foi o desexado por calquera alcalde: máis premios, encontro coa alcaldesa de París nun congreso no que Pontevedra actuaba como estrela invitada; numerosos artigos de prensa, un deles en portada de The Guardian, visitas de equipos de televisións que chegan desde lugares que nin sabiamos que existían para facer reportaxes sobre esa cidade da que tanto se fala.

Aumentar a autoestima

Todo iso elevou cada día máis a autoestima de veciños e veciñas, que amosan o seu orgullo cada vez que lle ensinan a cidade a alguén de fóra. Esa é a fortaleza de Lores para estas votacións: a xente pasea tranquilamente polo seu programa electoral, percórreo cada día. As nenas e os nenos camiñan sos, a diario, polo programa de Lores cara á escola. Os únicos sons que se escoitan en Pontevedra son os dos músicos da rúa, algún que outro paxariño e os berros do alcalde cando se enfada nos plenos. Con maioría absoluta ou sen ela, que seguirá catro anos máis como alcalde é algo que non discuten nin os seus maiores inimigos.

Moi lonxe de sufrir o desgaste propio dos mandatarios de vida política alongada, Lores e o seu equipo, formado principalmente por concelleiros e concelleiras veteranas, parece que pode rachar outra vez o seu teito.

[Podes ler a peza íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa ou nos quiosques]



x