ABAU

Pontón acusa Feixoo de empregar a polémica da selectividade para recentralizar o ensino

Pontón acusa Feixoo de empregar a polémica da selectividade para recentralizar o ensino
Ana Ponton
Ana Ponton  

No marco das probas ABAU, máis coñecidas como selectividade, potenciouse unha polémica que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tacha de “estéril”, xa que detrás dela non considera que estea nin a defensa da igualdade de oportunidades nin os intereses do alumnado, senón unha vontade de recentralizar o ensino. Nese sentido, a líder nacionalista sinala Feixoo como seguidista da estratexia centralista do PP.


A realización neste mes de xuño das probas de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), anteriormente coñecidas como exames de selectividade, viu acompañada dunha polémica sobre a necesidade de que os exames fosen idénticos no Estado.

Para Pontón a disputa é “estéril” porque detrás dela non hai defensa dos dereitos do estudantado nin igualdade de oportunidades, senón unha estratexia recentralizadora

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. esta disputa é “estéril e artificial” porque detrás dela non hai ningunha defensa dos dereitos do estudantado nin da igualdade de oportunidades, senón que agocha unha estratexia recentralizadora do ensino.

Nese sentido, Pontón acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de estar a dar “bandazos” que o evidencian perdido ante temas clave para o país e “pregándose á estratexia centralista da educación”. Unha estratexia que para a portavoz nacional do BNG está sendo marcada polo PP desde Madrid empregando precisamente esa polémica arredor da selectividade, baixo o obxectivo “da recentralización de competencias como principio ideolóxico da dereita española”.

Pontón alertou de que “máis centralismo é sempre sinónimo de desigualdade e dun trato discriminatorio para a Galiza”.

Desta maneira, Pontón alertou de que “máis centralismo é sempre sinónimo de desigualdade e dun trato discriminatorio para a Galiza”. A líder nacionalista fixo estas declaracións após a celebración da xunta de portavoces do Parlamento Galego e anunciou que no próximo pleno utilizará a pregunta de control ao goberno da Xunta da Galiza para que Feixoo dea explicacións sobre “os seus continuos cambios de criterio”.

Seguindo esa liña, Pontón tamén sinalou que o presidente galego adoece de “seguidismo” a un Pablo Casado “obsesionado” pola recentralización no seu afán de competir coa ultra dereita, e engadiu que o líder estatal do PP amosa “nulo respecto polas competencias en materia educativa” ao tempo que “retrata un Feixoo que nin tan sequera defende o actual marco estatutario e que presenta o balanzo máis pobre en materia de autogoberno”, aludindo ás cero competencias novas logradas pola Xunta do PP baixo o mandato de Feixoo en dez anos.

A proposta do PP en relación á proba de selectividade, en valoracións de Pontón está moi lonxe de avanzar no autogoberno

Por contra, a proposta do PP en relación á proba de selectividade, en valoracións de Pontón está moi lonxe de avanzar no autogoberno e, pola contra, vai na dirección contraria, “ao pretender que desapareza calquera tipo de contidos propios e adaptados á nosa realidade nacional, sexa cultural, lingüística, económica ou sociolóxica cunha proba de contidos centralizada desde Madrid”, indicou Pontón.

 “Na Galiza o problema da desigualdade de acceso á universidade non está na selectividade”, afirmou Ana Pontón, “senón na situación económica das familias” e concluíu a súa rolda de prensa emprazando a que o debate da igualdade no ensino se centre no aumento das bolsas e na supresión de proba das ABAU.

Denuncian discriminación do galego nas ABAU

A pasada semana a CIG denunciou un desprezo ao galego nas probas das ABAU, ademais de improvisación e falta de rigor. Estas foron as cualificacións coas que a central sindical nacionalista valorou a organización das probas de selectividade, facéndose eco de diversas queixas de profesorado que sinalaba casos como o feito de que o exame de bioloxía e xeoloxía só fose repartido en varios centros ao estudantado en castelán, sinalando que cando algúns deles e delas solicitaron versión en galego só a recibiron unha hora despois do inicio do exame mais apenas lles concederon dez minutos de prazo a maiores para realizalo.

O sindicato lembrou a este respecto que as instrucións da Comisión Interuniversitaria Galega (CIUG) eran entregar os exames [desas materias] en galego e en castelán. Así mesmo sinalaron tamén o caos xerado ao ter que substituír o exame de lingua galega 2 por abrir o paquete antes de tempo.