HOMENAXE A 'MENFIS' EN LALÍN

Pontón apela a encher a rúa o Día da Patria Galega para lograr "outra Galiza posíbel"

Pontón apela a encher a rúa o Día da Patria Galega para lograr "outra Galiza posíbel"
[Imaxe: BNG] O acto de homenaxe completouse coa plantación dun carballo e coa colocación dunha placa.
[Imaxe: BNG] O acto de homenaxe completouse coa plantación dun carballo e coa colocación dunha placa.  

O BNG quece motores para o Día da Patria Galega. A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, desde Lalín, apelou a “encher as rúas” para demostrar que “hai unha maioría social que quere cambio e quere construír esa outra Galiza posible, na que vivir e na que ter un traballo digno sen ter que coller as maletas”.


Existe outra Galiza posíbel. Aquela que “non quere ver como a xente nova emigra, que quere sanidade pública, que quere pensións dignas”. “Esa é a que pode construír o nacionalismo”. Así o advertiu na mañá do sábado Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, quen chamou a saír á rúa o Día da Patria Galega, “unha xornada de celebración, de reivindicación e de manifestar o orgullo de ser quen somos, de ter lingua propia, de formar parte dun pobo solidario e traballador”.

A dirixente nacionalista subliñou que as solucións para Galiza “non van vir desde Madrid” e tirou das negociacións que están a ter lugar entre os partidos estatais para investir Sánchez presidente do Goberno central como exemplo. Unhas negociacións, dixo, en que Galiza “estivo desaparecida”.

“Nin unha soa forza política estatal, nin unha soa deputada ou deputado lle propuxo a Pedro Sánchez que o seu apoio a súa investidura se vinculaba a compromisos para solucionar problemas urxentes dos e das galegas”. “É o mellor retrato de como, ou está o Bloque, ou ninguén pon por diante os intereses de Galiza”, sinalou.

Homenaxe a Menfis

Pontón pronunciou estas palabras desde o paseo do Pontiñas, en Lalín, antes de participar na homenaxe a Xesús Cordeiro, Menfis, histórico e destacado militante nacionalista que fora portavoz do Bloque no concello. Unha homenaxe na que tamén tomou a palabra o edil Francisco Vilariño e Alba Cordeiro, filla do homenaxeado.

A portavoz do BNG salientou a “entrega e compromiso” de Menfis, “unha desas persoas que sempre tivo a Galiza na cabeza e no corazón”. “É un orgullo ter persoas así na nosa organización”, agregou a nacionalista que valorizou o “traballo político desde a humildade pero desde a firmeza” desenvolvido por Menfis ao longo da súa vida “para conseguir un futuro mellor para este país e para a súa xente”.