Pontón, após visitar Junqueras: “Hai que poñer fin a este estado de excepción”

Pontón, após visitar Junqueras: “Hai que poñer fin a este estado de excepción”

A portavoz do BNG, acompañada da eurodeputada Ana Miranda, entrevistouse esta segunda feira na prisión de Llanoders co líder de ERC e ex vicepresidente da Generalitat.


Ana Pontón e Ana Miranda visitaron esta segunda feira no cárcere de Llanoders Oriol Junqueras, líder independentista que leva xa un ano de prisión preventiva e para quen a Fiscalía solicita 25 anos de cárcere por rebelión e malversación e a Avogacía do Estado 12, por sedición e malversación.

Ás portas desta cadea catalá, e após a visita, a portavoz do BNG dixo que “é importante que se coñeza” que no Estado español “hai persoas perseguidas por defender as súas ideas”, ao tempo que considera “preocupante en termos democráticos” o que está a pasar no Estado.

Ana Pontón trasladou a Junqueras a solidariedade do BNG para cos presos polo procés e para as súas familias e pediu que “se poña fin a este estado de excepción” e que se asuma a vía do diálogo para Catalunya.

Tamén denunciou que “estas persoas que están no cárcere” non van “ser xulgadas, hai unha sentenza escrita antes de que comece este xuízo”.