Pontón aposta nun modelo forestal afastado do monocultivo do eucalipto

Pontón aposta nun modelo forestal afastado do monocultivo do eucalipto
[Imaxe: BrifLaza]
[Imaxe: BrifLaza]  

Cando continúan activos focos en Cualedro –onde se rexistra o incendio mais intenso da fin de semana-, Crecente, Arbo, Santiago, Porto do Son e Baralla, a candidata nacionalista á Xunta de Galiza, Ana Pontón, avogou nunha xestión sustentábel e multifuncional do monte afastada do modelo do monocultivo.


Evitar que os montes galegos sexan “un polvorín”. Este é un dos obxectivos da principal proposta presentada polo BNG na mañá do domingo: un plan integral de xestión forestal que poña en valor os recursos do país. Ana Pontón aproveitou a súa visita á XVII Festa do Polbo de Bueu para apostar na “xestión sustentábel e multifuncional do monte”.

“A situación actual que sofren os montes, convertidos nun polvorín, pon en perigo as vidas e tamén os bens públicos e privados cada vez que se produce un incendio”, apuntou a candidata do Bloque ao Goberno galego en declaracións aos medios.

Ana Pontón puxo de manifesto que o programa do Bloque recolle a necesidade de rachar co modelo de monocultivo do eucalipto e de aproveitar a riqueza dos montes do país. “Valorizalos e aproveitar os recursos forestais é unha das principais propostas que leva o BNG no seu programa”, afirmou.

A candidata nacionalista está a aproveitar as visitas que realiza ao longo do país para difundir as propostas e o programa do BNG ás eleccións galegas do 25 de setembro.

Situación dos incendios

Segundo os últimos dados fornecidos pola Consellaría de Medio Rural –dados das 14.30h-, o peor dos incendios está a ter lugar en Cualedro, onde xa arderon 450 hectáreas. Aliás, no día de hoxe, declarouse un incendio en Vilardevós, con 54 hectáreas afectadas. Tamén en Negueira de Muñiz hai un incendio que queimou 50 hectáreas.

A Xunta salienta que están controlados os incendios de Baralla, Porto do Son, Arbo, Crecente, Santiago e Cotobade.