Pontón arremete contra Unidos Podemos por esquecer “a axenda galega”

Pontón arremete contra Unidos Podemos por esquecer “a axenda galega”
A portavoz nacional do BNG, ana Pontón. Foto: BNG.
A portavoz nacional do BNG, ana Pontón. Foto: BNG.  
De “estafa” e “fraude electoral” acusou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a Unidos Podemos, máis concretamente ás súas deputadas polas circunscricións galega, por “á hora da verdade esquecer as promesas e a axenda galega”.

Pontón falou en Vigo, onde se reuniu co concelleiro nacionalista da cidade, Xabier Pérez Igrexas e ofreceu logo un almorzo informativo. “É dramático que non haxa nin unha soa forza política que condicione o debate e a negociación de investidura ás necesidades de Galiza”, afirmou, “estes deputados galegos, no fondo, cometen unha estafa, porque se presentaron dicindo que van defender os galegos e cando chega o intre obedecen as directrices dos seus partidos madrileños e esquecen Galiza”.

A líder nacionalista mencionou a “axenda galega”, idea que manexou durante a última campaña electoral En Común Unidas Podemos e que para Ana Pontón “non existe”. “Estes deputados caen na fraude electoral”, sinalou, “os cidadáns teñen que tomar nota e actuar en consecuencia”.

A portavoz nacional insistiu en que “Galiza está desaparecida” nas negociacións para pactar goberno. “Agora vemos o grave problema de non ter unha forza propia que defenda os nosos intereses en Madrid”, e avisou de que o BNG está preparado en caso de que haxa novas eleccións ao Congreso, aínda que non as considera “positivas”.