Pontón avanza "algunhas sorpresas" nas listas do BNG para as municipais 2019

Pontón avanza "algunhas sorpresas" nas listas do BNG para as municipais 2019
Ana Pontón, durante a entrevista
Ana Pontón, durante a entrevista  

A organización frontista designará as persoas que encabezarán as listas das 7 cidades antes do Día da Patria 2018, asegurou a líder do BNG nunha entrevista en Radio Galiza-SER.


O único fixo neste momento na nómina dos candidatos do BNG nas cidades é Miguel Anxo Fernández Lores. "O alcalde de Pontevedra é un grande alcalde. Así o avalan durante todos estes anos non só os votos das veciñas e dos veciños, senón tamén o recoñecimento a nível estado e a nível internacional dun proxecto de cidade que é modélico", afirma Pontón, daí que considere que "é moi boa noticia que [Lores] teña esa disposición de seguir contribuíndo para o avanzo de Pontevedra e o fortalecimento do BNG".

A respeito das cabezas de lista das outras cidades, Pontón pon en destaque que para o BNG neste momento o prioritario non é tanto pensar nas persoas como nos proxectos a desenvolver. "Nós no que estamos a traballar é no deseño de proxectos, falando con distintos sectores sociais... O importante é termos un proxecto sólido con que nos apresentarmos. E logo as persoas xa as iremos vendo", acrecentou e a seguir, esclareceu que "haberá nalgúns lugares en que repetirán os candidatos que temos neste momento, mais tamén vai haber sorpresas noutros".

As municipais, en todo caso, "son moi importantes para todo o mundo", recalcou a líder nacionalista. "O BNG demostra, cando lle deixan gobernar, que ten un proxecto que funciona" e nese sentido apelou "o noso escaparate" -dixo en alusión a Pontevedra- mais tamén invocou o exemplo de concellos "doutro tamaño máis pequeno" que, da man de gobernos municipais do BNG, "foron capaces de se modernizar e de avanzar". Concellos, citou, "como Carballo, como Tomiño, como Bueu, como Rianxo...". "Hai un caudal importante e hai un recoñecimento de que o BNG, cando goberna, goberna ben, goberna ao servizo das maioría sociais e consegue transformar os nosos concellos", subliñou.



x