DÍA DA GALIZA MÁRTIR

Pontón: “Desde o BNG seguimos traballando para facer posíbel a Galiza que soñou Bóveda”

Pontón: “Desde o BNG seguimos traballando para facer posíbel a Galiza que soñou Bóveda”
[Imaxe: BNG]
[Imaxe: BNG]  

Ollar cara ao futuro, mais “non desde a amnesia e a impunidade”. Así apelaba Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, á “xustiza, verdade e reparación de Bóveda e de todos os homes e mulleres represaliadas, encarceradas, silenciadas, rapadas ou asasinadas” no acto que a formación nacionalista organizou en Pontevedra con motivo do Día da Galiza Mártir.


Como cada 17 de Agosto, o BNG volveu honrar a memoria de Alexandre Bóveda. Súa é a vitoria, sinalou Pontón na súa intervención, do feito de que “hoxe continúe habendo miles de galegos e galegas que loitamos polos seus ideais de liberdade e igualdade para construír unha Galiza soberana e con futuro”.

Na praza de Curros Enríquez, e logo de que tomasen a palabra Marta Gómez, responsábel comarcal de Galiza Nova, e Manu Lourenzo, portavoz do BNG no concello de Soutomaior, Pontón reivindicou anular o xuízo que condenou Bóveda a morrer fusilado e unha lei de memoria histórica de Galiza. Criticou a postura contraria do PP á proposta, a quen afeou “non mover un dedo durante dez anos”.

Quen destinou “cero euros” para a reparación das vítimas do franquismo e para a devolución do Pazo de Meirás “son os mesmos que hoxe pactan gobernos coa extrema dereita antigalega, xenófoba e machista, que representa o contrario dos ideais de Bóveda”.

Axenda propia

Pazo de Meirás, Casa Cornide, as esculturas de Isaac e Abraham… foron algúns dos bens espoliados polo franquismo na Galiza. A eles aludiu Pontón cando exixiu unha “axenda galega” da memoria histórica. A lei propia para Galiza “será unha das primeiras que poremos en marcha en 2020, cando os galegos e galegas aposten en pasar a páxina deste decenio negro de Feixoo e dun PP que camiña de ganchete da extrema dereita”.

No primeiro acto nacional do BNG após o Día da Patria Galega, Pontón volveu situar o BNG como “a alternativa real para que as cousas cambien a mellor”. “Temos proxecto, ideas novas e non temos ataduras, nin a Madrid nin a grupos empresariais ou mediáticos”.

Unha facenda galega e un concerto económico foron algunhas das propostas anunciadas polo BNG, que criticou a “irrelevancia política que lle dan as forzas estatais a Galiza”. “Onde están as propostas para solucionar os problemas deste país? Non existen porque para PP, PSOE ou Podemos, Galiza é insignificante”, salientou a nacionalista.

Pontón concluíu a súa intervención tendendo a man a quen queira traballar por Galiza e advertindo que a mellor homenaxe a Bóveda pasa por “construír unha Galiza moderna, xusta e máis igualitaria”. As ferramentas: orgullo, autoestima e autoorganización. “Ese é o futuro. E tede a certeza que estamos en momentos de avanzar”, salientou.