Pontón comprométese a facer de Galiza unha referencia internacional en investigación

Pontón comprométese a facer de Galiza unha referencia internacional en investigación
Ana Ponton no Cimus
Ana Ponton no Cimus  

Na visita ao centro de investigacións Cimus da USC, Ana Pontón e Néstor Rego denunciaron os recortes en I+D+i por parte da Xunta e o Goberno central. A portavoz do BNG esixiu un orzamento xusto que permita a Galiza converterse en referencia internacional na investigación.


“Galiza debe ser unha potencia internacional en investigación”, afirmou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, tras poñer en valor “o enorme talento e capacidade” que o país ten neste campo.

Así mesmo, valorou que o problema nestes anos “foi o investimento público da Xunta e do Estado, que provocaron que moito talento emigrase” e enfatizou a necesidade de recuperalo para desenvolver todo o potencial.

Pontón e o candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, visitaron o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (Cimus) da USC. Alí puxeron de manifesto que o estado español reduciu a investigación aos mesmos fondo de hai quince anos, cando na Unión Europea, nese mesmo período, realizouse un incremento dun 25%. Ademais dos recortes, Pontón denunciou que non se executou nin sequera ese orzamento, e puxo o exemplo do ano 2018 no que asegurou que o 53% dos fondos de I+D+i quedaron sen executar.

En relación a isto, a portavoz do BNG salientou que Galiza debe tornarse decisiva no Estado para “facer unha aposta estratéxica pola investigación no noso país”. Esta aposta, segundo afirmou, inclúe duplicar o orzamento de I+D+i na Galiza e desenvolver a carreira investigadora “para evitar que os nosos investigadores e investigadoras tiren a toalla, porque a día de hoxe estamos perdendo talento que hai que traer de volta”.

“Necesitamos”, engadiu Pontón, unha ciencia inclusiva que aposte polo talento das mulleres, “pois moitas científicas teñen que seguir loitando contra os teitos de cristal e numerosas barreiras”.



x