A GALIZA PERANTE O PREACORDO

Pontón condiciona o apoio do BNG a un Goberno central se hai «axenda galega»

Pontón condiciona o apoio do BNG a un Goberno central se hai «axenda galega»
Ana Pontón (BNG)
Ana Pontón (BNG)  

O BNG amósase favorábel a que haxa un desbloqueo na situación do Estado e a dialogar para que se poida producir «un goberno de progreso», mais Pontón condiciona o voto do BNG á existencia dun «compromiso claro cunha axenda galega que non pode seguir agardando durante máis tempo».


Após coñecerse o principio de acordo entre PSOE e Unidas Podemos para a conformación dun Goberno central, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que o apoio do BNG estará condicionado á existencia «dun compromiso claro cunha axenda galega que non pode seguir agardando durante máis tempo».

De documento «moi vago e con moitas xeneralidades» cualificou Pontón o preacordo

Para a portavoz nacionalista o preacordo alcanzado nesta terza feira 12 de novembro «confirma que se en abril non foi posíbel un acordo foi pola irresponsabilidade desas forzas políticas -en referencia a PSOE e Unidas Podemos- que levaron ao conxunto da cidadanía a unhas novas eleccións», e engadiu que «é unha mágoa que o que agora se soluciona en 24 horas» tardase tantos meses e conlevase unha novas eleccións «que serviron para pór unha alfombra vermella á extrema dereita».

De documento «moi vago e con moitas xeneralidades» cualificou Pontón o preacordo, cuestións que «non permiten coñecer en profundidade cal vai ser a acción concreta desa proposta para un goberno de desbloqueo».

Ao igual que dixeron en campaña, o BNG volveuse amosar favorábel «a que haxa un desbloqueo na situación do Estado, dialogar para que se poida producir goberno de progreso, pero o voto do BNG vai estar condicionado a que haxa un compromiso claro cunha axenda galega que non pode seguir agardando durante máis tempo», afirmou Pontón nos corredores do Parlamento da Galiza minutos despois de coñecerse o preacordo asinado por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Así, o voto do deputado do BNG nas Cortes Xerais, Néstor Rego, estará vinculado a que se acepte unha serie de compromisos polo futuro Goberno central coa Galiza e que desde o Bloque detallarán nos próximos días.