Pontón critica que nas negociacións para a investidura se omita a axenda galega

Pontón critica que nas negociacións para a investidura se omita a axenda galega
Ana Pontón
Ana Pontón  Foto: BNG

Si se posicionan no debate "cataláns, vascos, canarios e até cántabros". Non o fai Galiza porque "PP e PSOE pasan olimpicamente dela" e porque a axenda das cuestións galegas brilla pola súa ausencia no diálogo Sánchez-Iglesias para a formación de goberno no estado. Así o considera Ana Pontón, para quen "o máis probábel" é que a investidura do candidato socialista resulte nun acto falido.


"Durante o último mes e medio vimos un triste espectáculo [o da negociación dos apoios para a investidura de Sánchez] que confirma que as forzas estatais conducen Galiza á irrelevancia política e a perdermos oportunidades", dixo esta segunda feira en conferencia de imprensa a líder do Bloque, Ana Pontón.

A dirixente nacionalista bota en falta a clave galega na discusión estatal entre Sánchez e Iglesias. Falta Galiza e non porque non exista unha nutrida "lista de agravios e discriminacións". Desde a "estafa" das peaxes na AP-9 até o "espolio enerxético" pasando "por un sistema de financiamento que nos fai perder 3.500 millóns de euros cada ano", afirmou. Por se iso fose pouco, estendeuse, o Estado español "continúa a deber a Galiza 200 millóns de euros en materia de dependencias" e o país ten unha rede ferroviaria que, facendo abstracción do eixo atlántico, presenta trazos propios do século XIX, moi lonxe "do que se desfruta no resto do Estado".

Galiza non está porque non está o BNG alí onde se negocia, veu soster a líder do BNG. Quen, en troca, si están para defenderen os seus intereses son "cataláns, vascos, canarios, até cántabros". Acarón deles aparecería un país, o noso, ausente, mudo e abocado á irrelevancia política por culpa das forzas políticas de ámbito estatal, enfatizou.

Pontón criticou tamén a actitude dos líderes de PSOE e Podemos. "A  política estatal navega entre duas augas, a da irresponsabilidade e a do infantilismo político, cos egos e os intereses partidistas a estaren por riba do interese xeral", dixo. 

Galiza ficaría ausente das conversas coa Moncloa como pano de fondo, mais tampouco aparecen asuntos que deberían figurar en calquera axenda progresista. "Fálase moito de sillóns e moi pouco de que política se vai facer", dixo e, nese sentido, censurou que non se sinale con clareza que se van derrogar leis como as reformas laborais, a LOMCE ou a Lei Mordaza.