Pontón a Feixoo: “Por que lle causa urticaria a folga do 8M?

Pontón a Feixoo: “Por que lle causa urticaria a folga do 8M?

A portavoz nacionalista recoñece a súa “preocupación” ao ver “o PP branqueando os seus pactos coa extrema dereita co apoio do presidente da Xunta”. A respecto das eleccións xerais do 28 de abril, retirou que esta foi unha “lexislatura perdida para Galiza” da que estraer unha lección: “Galiza necesita recuperar voz propia no Congreso".


“Sorprende que Feixoo se poña lazadas lilas pero sexa incapaz de apoiar á folga do 8M. Por que lle causa urticaria esa folga, por que non é capaz de apoiala?”. A portavoz do BNG Ana Pontón realizou esta segunda esas preguntas durante a súa comparecencia ante a prensa. o PP, lembrou a nacionalista, votou en contra desa mobilización e tamén en contra de prohibir os ventres de aluguer no pasado pleno, e iso invalida é incompatíbel con levar a lazada lilá.

A dirixente do Bloque criticou que, nun momento de involución no que se cuestionan as reivindicacións feministas, o presidente da Xunta pretenda, dixo, instalarse nunha suposta equidistancia.“Preocúpame ver ao PP branqueando os seus pactos coa extrema dereita co apoio do presidente da Xunta, dándolle pábulo a quen está atropelando os dereitos das mulleres porque iso ten consecuencias. Quen pacta coa extrema dereita é cómplice do seu discurso e iso é o que está avalando Feixóo”, denunciou.

Pontón parabenizou as galegas pola mobilización deste domingo, que situou como un anticipo do seguimento  masivo que augurou á folga feminista do 8M : “As galegas non imos quedar nin caladas nin submisas ante os novos ataques aos nosos dereitos e liberdades”.

Recuperar a voz para Galiza

A respecto das eleccións xerais do 28 de abril, a portavoz retirou que esta foi unha “lexislatura perdida para Galiza” e da que se poden extraer dúas aprendizaxes, sinalou. Unha, que “Galiza necesita recuperar voz propia no Congreso, que dea a cara polos galegos e polas galegas, tras constatar que as forzas políticas estatais non supoñen máis que unha mera alternancia na discriminación a este país”. Outra, a “incapacidade” da esquerda española para reverter os recortes en dereitos e liberdades da dereita, fronte a un PP en minoría. “Aí seguen as contrarreformas laborais, a lei mordaza ou a LOMCE”.

“Estou convencida de que a sociedade galega tomou nota, e sobre todo comparte con nós a reflexión de que nun escenario sen maiorías absolutas 1, 2, 3 deputados ou deputadas do BNG son máis útiles para Galiza que 23 ao servizo de Iglesias, Casado ou Sánchez”, concluíu.