VOX MARCA A SESIÓN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Pontón a Feixoo: “No seu currículo está ser o presidente que máis atacou o galego”

Pontón a Feixoo: “No seu currículo está ser o presidente que máis atacou o galego”
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo no Parlamento de Galiza. Foto: cedida.  

Último pleno antes do Día das Letras Galegas e Núñez Feixoo volveu falar de “imposición” para se referir ao galego. Fíxoo en resposta á pregunta do BNG na sesión de control, en que a súa portavoz, Ana Pontón, resumiu dez anos de política lingüística do Partido Popular: “Vostede foi o presidente que máis atacou a lingua propia”.
 


A sesión de mañá no Hórreo volveu estar marcada pola presenza dunha ausencia: Vox. Que curiosamente axitou Feixoo para atacar a oposición. En concreto o Bloque, cando nunha singular torsión demagóxica lle espetou a Pontón a “evidencia” de que BNG e Vox “coinciden en moito e son firmes aliados do Goberno do PSOE”. Ao que o presidente da Xunta non contestou foi, porén, aos feitos concretos argumentados pola nacionalista.

Porque a década do PP en San Caetano saldouse cun programa de medidas contrarias á normalización do galego por primeira vez na historia da autonomía. O denominado Decreto do Plurilingüismo que o reduciu no ensino público e mesmo o prohibiu en materias de ciencia. O incumprimento xeralizado do Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Hórreo en 2004. A supresión da programación infantil e xuvenil específica na TVG. O esganamento das axudas ao sector do libro. A implantación dunha ferramenta informática na Xustiza que imposibilita o seu uso.

Como símbolo desta estratexia deliberada serve unha cifra, aduciu Pontón. A que consigna as partidas orzamentarias destinadas a normalización lingüística: oito millóns de euros, “tres veces menos que hai dez anos”. Feixoo defendeuse con datos extraídos de informes da Real Academia Galega segundo os que o 73% da poboación emprega habitualmente o idioma, o 97,3% “sabe falalo” e o 83,5%, escribilo. E engadiu que el sempre estará “pola liberdade e contra a imposición”.

Mais esa mesma institución, lembrou a portavoz nacionalista, tamén alertou de que o célebre decreto de plurilingüismo crebara a transmisión do galego nas aulas e que este volvía a niveis dos 90. “Vinte anos de retroceso”, sintetizou, e, con ironía, mencionou “o sábado de perdón na carballeira do Pino” canda Pablo Casado para lle pedir a Feixoo que cumpra o que prometeu a respecto do seu partido, “o abandono do pensamento único e a intransixencia”. O presidente contestou botando man da extrema dereita. Sen indicar, por suposto, a que a única organización que chegou a acordos con ela foi, xustamente, o PP na Junta de Andalucía.

“Bosques ameazados” pola marcha de Ence


PSdeG e En Marea centraron as súas preguntas no mundo económico. Na réplica aos socialistas, Feixoo chegou a afirmar que a hipotética marcha de Ence da ría de Pontevedra suporía unha “ameaza” para os bosques galegos e as “200.000 persoas que non saben a quen venderlle a madeira”. Encaixou a tese nunha restra de acusacións a Xaquín Fernández Leiceaga, cuxa intervención versaba sobre a “Galiza baleirada e de marcha lenta” do interior.

O portavoz socialista debuxou un país con 28 comarcas en que a poboación caeu un 15%, “de persoas maiores, pensionistas”, e onde a renda por habitante dista 20 puntos das zonas urbanas occidentais. “Cómpre planificación e perseverancia, porque reverter a situación non é imposíbel”, dixo. Núñez Feixoo contraatacou na figura de José Luis Ábalos, ministro en funcións de Fomento, e asegurou que os socialistas son os responsábeis maiores da situación en Alcoa e do futuro de Ence fóra da ría -isto último algo que esixe unha ampla maioría social na bisbarra pontevedresa-.

De complicidade tamén acusou Feixoo o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen falou de emprego. Precariedade, estacionalidade e falta de políticas activas -en 2018, a Xunta deixou 120 millóns de euros sen executar ao respecto, afirmou- definen o panorama. O triunfalismo dominou o retruque de Feixoo, que non admitiu problema ningún, e colocou Villares a prol do peche de Reganosa, Meirama, As Pontes, Ence e a non ampliación de Citröen.