HOMENAXE DO BNG A CASTELAO

Pontón: “Feixoo é o 'terminator' da sanidade pública”

Pontón: “Feixoo é o 'terminator' da sanidade pública”
O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na homenaxe a Castelao do Bloque en Rianxo, o sábado 12 de xaneiro. Foto: BNG
O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na homenaxe a Castelao do Bloque en Rianxo, o sábado 12 de xaneiro. Foto: BNG  

A homenaxe do BNG a Castelao, celebrada este sábado en Rianxo, serviu á portavoz nacional da organización para abordar a actualidade política e social de Galiza. “Feixoo é un terminator mesmo en ámbitos tan sensíbeis como a sanidade pública”, afirmou Ana Pontón.
 


“Está esnaquizando a sanidade a golpe de recortes e privatizacións, xogando coa vida das persoas”, estendeuse, antes de preguntar directamente ao presidente da Xunta: “Cantas persoas máis teñen que morrer para que se acaben os recortes no sistema público de saúde?”. Pasara apenas un día de que transcendese a investigación da Fiscalía da morte de dúas persoas en Urxencias do Hospital de Santiago.

Non foi a sanidade, que estas semanas centra o debate político e a preocupación social, a única referencia á actualidade de Pontón. O que bautizou como Feixoo terminator tamén o é “para o emprego industrial cando están en risco 390 postos de traballo en Alcoa”. Ademais, e despois do pacto do Partido Popular coa extrema dereita de Vox en Andalucía, o xefe do Executivo galego converteuse “nun alumno aplicado do antifeminismo”.

HOMENAXE CASTELO 3

A dirixente nacionalista lembrou que o Goberno de Feixoo destina recursos a asociacións que cuestión o dereito ao aborto e a colexios que segregan o alumnado por sexos, ao tempo que recorta as axudas ás vítimas de violencia machista ou boicotea o 8M. Aproveitou que o acto era en Rianxo para amosar o seu apoio á concelleira do BNG da localidade que presentou unha denuncia por violencia machista.  

Vixencia de Castelao


Mais a homenaxe era a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, cinco días despois do seu 69 cabodano. A portavoz nacional do Bloque reivindicou “a vixencia do seu ideario” e acusou a quen “non ten reparo en manipular a súa figura” de realizar “un cínico exercicio de postverdade”. Para Pontón non existe dúbida: “O seu legado máis importante é o nacionalismo”.

“Aínda hoxe é tan potente a súa mensaxe que o españolismo ten necesidade de manipulalo”, argumentou, “porque non se pode reivindicar Castelao e criminalizar o nacionalismo ou prohibir o noso idioma para ensinar matemáticas ou ciencias”. Afeoulle a Feixoo que escollese o óleo da Derradeira leición do mestre para criticar o nacionalismo: “[Con este aceno] Amosou a súa catadura política”.

Ana Pontón falou ao pé do busto de Castelao acompañada do alcalde de Rianxo, o nacionalista Adolfo Muíños. Rematou cun chamado a “agrandar e fortalecer o BNG” de cara ás eleccións municipais de maio e “abrir un tempo novo en Galiza da man do Bloque, que se toma en serio este país”. “O reto máis inmediato é sumar máis apoios nas eleccións municipais e europeas, ensanchar a base social e que todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón saiban que o BNG é a súa casa”, concluíu.



x