NUN ACTO NA SAÍDA DA AUTOESTRADA EN VIGO

Pontón: "Onde estiveron os partidos estatais estes anos para rematar co espolio da AP-9?"

Pontón: "Onde estiveron os partidos estatais estes anos para rematar co espolio da AP-9?"
Acto pola transferencia da AP-9 [Imaxe: BNG]
Acto pola transferencia da AP-9 [Imaxe: BNG]  

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, salientou hoxe nun acto á saída da AP-9 en Vigo que só "un BNG decisivo en Madrid é garantía de que o 28A comezará a conta atrás da transferencia da AP9 fronte a unhas forzas estatais que prometen en campaña electoral o que non fixeron en catro anos de lexislatura sen maiorías absolutas".

"Que fixeron estes catro anos?", preguntou Pontón. "Onde estaba Ana Pastor? Na Mesa do Congreso, vetando o debate da AP9; Onde estaba Pilar Cancela? Calada mentres o seu candidato Pedro Sánchez nos subía a estafa das peaxes dúas veces en oito meses; Onde estaba Iolanda Díaz?, apoiando un recorte de 750 millóns de euros nos peores orzamentos para Galiza en 17 anos.  Este é o legado das forzas estatais nesta lexislatura",  denunciou a portavoz nacional do BNG.

A líder nacionalista insistiu en que só un Bloque decisivo no Congreso pode garantir "rematar con este espolio", tras aludir á transferencia a Euskadi da AP68 como exemplo "do que pode facer unha forza política propia e sen ataduras". "O PNV", proseguiu, "deu unha lección a todos os deputados e deputadas electas por Galiza de que cando se pensa nos intereses da súa sociedade, do seu país, é posible conseguir logros".

“Desde o BNG ofrecemos un compromiso claro de cara ao 28A", expuxo Pontón. "Utilizaremos a forza que nos dean os galegos e as galegas para acabar coa estafa das peaxes da AP9 e nese camiño, sendo determinantes no Congreso, conseguiremos a transferencia como principio do fin deste espolio que levamos soportando demasiados anos”, concluíu.