Pontón insta o PSdeG a falar canto antes para abrir un "tempo novo" na Deputación de Lugo

Pontón insta o PSdeG a falar canto antes para abrir un "tempo novo" na Deputación de Lugo
Ana Pontón, acompañada pola parlamentar Olalla Rodil, posa co gruo municipal do BNG en Lugo [Foto: @BNGLugo]
Ana Pontón, acompañada pola parlamentar Olalla Rodil, posa co gruo municipal do BNG en Lugo [Foto: @BNGLugo]  

En pleno conflito do PSdeG na circunscrición de Lugo, o BNG pisa o acelerador para abrir un "tempo novo" na Deputación. O Bloque empraza o PSdeG a "iniciar conversas canto antes" para a mudanza do concello, en que se constituíu un bipartito, se estender tamén á entidade presidida en funcións por Darío Campos. O 26M sorriu á formación nacionalista, que aumentou un escano na corporación, en detrimento precisamente do PSdeG. Os votos nacionalistas son decisivos para o PP non gobernar a institución provincial.


Lugo deu boas noticias ao BNG o 26M, quer no concello (pasou de 2 a 5 edís) quer na Deputación (incrementou un escano, até atrapar tres asentos no pazo de San Marcos). A formación nacionalista vese forte e pide abrir un "tempo novo" nas dúas institucións, no pasado mandato gobernadas en solitario polo PSdeG.

"Hai unha onda de ilusión en Lugo coa entrada do BNG no goberno", afirmou esta mañá na cidade das murallas a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nun encontro cos medios no marco dunha reunión co grupo municipal nacionalista.

Pontón comprometeuse a responder ás expectativas pondo en marcha "o cambio que necesita a cidade". "Imos abrir unha nova etapa non só en Lugo, senón en toda Galiza", dixo, ao tempo que remarcou que os recentes procesos electorais confirmaron o rol do Bloque como "forza central na política do país".

O desafío agora é "transformar a simpatía" social cara ao BNG nun maior apoio electoral no próximo combate, o das galegas 2020. O obxectivo, "deixar atrás as políticas lesivas de Feixoo" e materializar o "cambio real, o cambio en clave galega" que, ao seu xuízo, demanda xa o electorado. "Imos traballar coa man tendida para sermos os catalizadores da mudanza política que precisa o país". 

Pontón comprometeuse a responder ás expectativas pondo en marcha "o cambio que necesita a cidade de Lugo".

Tempo novo no concello, con Rubén Arroxo como número dous do goberno local, e tempo novo que debe abrirse tamén, e canto antes, na Deputación, argumentou Ana Pontón. Estamos xa no momento, urxiu, de "iniciar conversas canto antes entre o BNG e o PSdeG á hora de definir cales van ser as liñas estratéxicas" dun eventual acordo entre estas forzas para ensaiar un bipartito.

"O relevante", esclareceu a líder do BNG, "non son os nomes das persoas que irán á institución [o Bloque aínda non as designou porque a constitución da corporación está aínda pendente de recursos], senón estabelecer que queremos facer coas deputacións".

Tempo novo no concello, con Rubén Arroxo como número dous do goberno local, e tempo novo que debe abrirse tamén, e canto antes, na Deputación, argumentou Ana Pontón

A posición da forza nacionalista non ten variado ao respecto. As deputacións son institucións "anacrónicas", non responden á realidade galega e o ideal sería que desaparecesen. Mais no interín hai que gobernar o "mentres tanto". E aí Pontón tracexou tres liñas estratéxicas claras: "Unha, o baleiramento competencial; dúas, a súa democratización, o reparto de fondos entre os concellos debe ser obxectivo, transparente e igualitario; e tres, a súa galeguización, quer no seu funcionamento interno quer no reforzamento do seu papel como axentes que deben afortalar a lingua e a cultura do país, que tamén son piares de desenvolvimento económico".

Pontón non aforrou críticas para o desempeño do PSdeG no mandato precedente, baixo a presidencia dun Darío Campos agora cuestionado polo aparato socialistas da Rúa do Pino. "Foi un exemplo do que non debe ser esta institución. O papel do BNG será o de conseguir que o funcionamento interno se produza baixo criterios e parámetros moi diferentes. Durante estes anos fomos moitas e moitos os que en moitos momentos sentimos vergoña polo que alí estaba pasando", dixo.