Pontón pide en Ferrol mudar o guión e apostar polo nacionalismo

Pontón pide en Ferrol mudar o guión e apostar polo nacionalismo
Pontón, Rego e Rivas, con militantes nacionalistas esta segunda feira en Ferrol. [Imaxe: BNG]
Pontón, Rego e Rivas, con militantes nacionalistas esta segunda feira en Ferrol. [Imaxe: BNG]  
Despois dunha fin de semana intensa con actos nas circunscricións de Lugo, Ourense e Pontevedra, o BNG levou de novo á súa portavoz nacional á circunscrición na que se está a xogar un escano no Congreso. Ana Pontón acompañou Néstor Rego esta segunda feira en Ferrol, unha praza na que o BNG volve sentirse forte da man de Iván Rivas e na que confía en superar os 1.800 votos de abril (en maio, nas municipais, sumou 2.500).

Ana Pontón e Néstor Rego denunciaron a crise industrial que sofre Galiza, cun dos seus epicentros nesta comarca tradicionalmente maltratada polas sucesivas reconversións do PP-PSOE ao longo da últimas décadas.

Unha crise industrial que azouta o país de norte a sur, afectando a comarcas enteiras desde A Mariña a Coruña, pasando pola Costa da Morte ou Vigo, con 6.000 postos de traballo directos en xogo, ante o desprezo das forzas estatais que, avanzou, volverá quedar en evidencia no debate electoral.

Sabemos que ningunha destas cuestións vai aparecer no debate televisivo desta noite [TVE e Atresmedia] que nos vai deixar a foto fixa na que veremos os candidatos ignorando os problemas de Galiza porque non teñen compromiso con este país. Temos que cambiar ese guión e o 10-N os galegos e as galegas podemos facernos valer da man do BNG”, subliñou a líder nacionalista desde Ferrol.

Os indicadores dan conta da desertización industrial que avanza polo país. Desde un índice de produción industrial “en caída libre”, á perda de emprego industrial de tal xeito que, a día de hoxe, hai menos traballadores que fai dez anos neste sector, “evidenciando como a crise deteriorou os sectores produtivos e económicos do país”. E, finalmente, avisando da progresiva desaparición de empresas e nos 6.000 postos directos en traballo en risco en Endesa, Alcoa ou sector naval.

Pontón comprometeu que o Bloque usará a súa forza en Madrid para defender a construción naval civil, e propón para Ferrol un centro tecnolóxico do naval “que aproveite todas a sinerxías entre empresas e universidade para facer aquí un polo de desenvolvemento apostando pola innovación e a investigación, porque construír barcos é moito máis que cortar chapa”.