Pontón pide para Galiza o mesmo status que obteñan Euskadi e Catalunya: "nin un chanzo menos"

Pontón pide para Galiza o mesmo status que obteñan Euskadi e Catalunya: "nin un chanzo menos"
Ana Pontón, durante o acto do BNG este 28X
Ana Pontón, durante o acto do BNG este 28X  

Hai 82 anos, xustamente un 28X, o pobo galego plebiscitaba o seu primeiro Estatuto de Autonomía, unha carta de direitos políticos en moi boa parte impulsada polo Partido Galeguista de Castelao e Bóveda. O BNG conmemorou esta quinta feira o acontecimento nun acto simbólico que decorreu en Compostela diante da Imprensa Nós, a que rexentaba Ánxel Casal, o alcalde do PG fusilado polos fascistas en agosto de 1936.


O BNG reclama a súa condición de herdeiro da tradición do Partido Galeguista. Se este foi o impulsor do Estatuto de Autonomía de 1936, ao Bloque —máis de 8 décadas despois— correspóndelle agora turrar do carro e liderar o proceso que leve a Galiza a se dotar dun novo status político. Esa foi a liña argumental do acto que a formación nacionalista realizou este 28X, co motivo do 82 aniversario da carta de dereitos políticos plebiscitada polo pobo galego nas vésperas do golpe fascista.

A responsabilidade que lle incumbe ao nacionalismo galego contemporáneo é a de "levar o impulso" dunha dinámica socio-política que "nos permita acadar un novo status político para Galiza, nos vindeiros anos". Non emprega o BNG a palabra estatuto —por ser sinónimo de carta outorgada polo poder lexislativo sediado en Madrid—, senón o vocábulo status. A mensaxe subxacente é clara: a formación nacionalista quer un marco político cualitativamente distinto. Non se trata de ter máis ou menos competencias, trátase de ter o pleno recoñecimento de Galiza como suxeito político soberano, con "capacidade para decidir sobre aspectos clave da nosa sociedade, é dicir, que nos dote de novas ferramentas para mellorar a vida da xente", estendeuse Pontón.

Non emprega o BNG a palabra estatuto —por ser sinónimo de carta outorgada polo poder lexislativo sediado en Madrid—, senón o vocábulo status

E que marcos deben delimitar os poderes políticos para Galiza aos que aspira o BNG? Esclareceuno a líder nacionalista nestes termos: o proceso debe ter como único límite "a soberanía política que alcancen Euskadi e Catalunya, nin un chanzo menos".

Expresa así o BNG a súa determinación a pelexar politicamente para que nunha eventual reconfiguración do Estado español non se vaia na práctica a unha estrutura asimétrica, con Euskadi e Catalunya por un lado e o resto das chamadas comunidades autónomas polo outro. A responsabilidade que asume o BNG ao se colocar esta tarefa non é "doada", admite Pontón, como tampouco o foi para o PG no seu día porse á frente da reivindicación do Estatuto de 1936. "Mais está nas nosas mans coller o futuro do país con ilusión e crear confianza nas posibilidades de Galiza", dixo, ao tempo que chamou a "confiar en nós mesmas e a defender un novo marco político que nos permita vivir mellor, ter máis benestar, desenvolver a nosa lingua e cultura e dialogar en pé de igualdade co resto do mundo".

DSC_0877

Soberanía para que?

Pontón fixo unha intervención de ton didáctico, con exemplos concretos de para que quer o BNG a soberanía. Quérea para "acabar co modelo de financiamento que fai que o Estado recade máis do que inviste no país". Quérea para "blindar dereitos sociais e laborais e pór fin ás contrarreformas que precarizan e empobrecen a clase traballadora". Quérea para "acabar coa vergoña de ter as pensións máis baixas do estado". E tamén para termos "unha xustiza digna de tal nome e non a xustiza española que encadea políticos cataláns, mentres deixa na rúa a esa manada condenada por violación".

Nota: As fotos son cedidas polo BNG. Na de embaixo vese Ana Pontón e Goretti Sanmartín —vicepresidenta da Deputación da Coruña e candidata nacionalista á Alcaldía de Compostela— no momento de facer unha oferenda floral en memoria de Ánxela Casal.