Pontón pide que a transferencia da AP9 se debata neste período de sesións

Pontón pide que a transferencia da AP9 se debata neste período de sesións
Ana Pontón, en comparecencia de imprensa
Ana Pontón, en comparecencia de imprensa  Foto: BNG

A líder do BNG felicítase de que o Goberno Sánchez levantase o veto sobre a transferencia —"é o ABC da democracia— mais á vez o insta a ir un paso máis alá, a se desmarcar do PP de Raxoi e apoiar, destarte, o traspaso á Xunta das competencias sobre a infraestrutura. 


Que o Goberno Sánchez retire o veto sobre o debate é unha boa noticia, mais pode ser insuficiente se o PSOE non colabora para a iniciativa se debater canto antes no Congreso dos Deputados.

"Levamos dous anos de retraso da iniciativa con mentiras, ilegalidades e un abuso de poder por parte do anterior goberno", dixo Pontón nun arquivo de son enviado aos medios. A portavoz nacional do Bloque pide que se aceleren os trámites para a iniciativa se debater no presente período de sesións (conclúe en decembro).

Fai ben o Goberno Sánchez ao non vetar a tramitación da proposición de lei do Parlamento de Galiza —que deu curso a unha iniciativa orixinariamente do BNG— mais o relevante agora, enfatizou Pontón, "é saber cal vai ser a posición de voto do Goberno e do PSOE". "Sánchez", acrecenta a portavoz nacionalista, "ten de aclarar se vai votar a favor da transferencia ou vai manter o continuísmo das políticas de Raxoi de boicot, que só trouxeron peaxes máis altas”.

Teno fácil o Goberno Sánchez para mostrar a súa vontade política favorábel ao traspaso da AP-9, alegou Pontón. O único que tería de facer é "activar a negociación na comisión mixta de transferencias para que non perdamos máis tempo".

Non estaríamos perante un transvasamento de competencias máis: a AP9 é unha "infraestrutura vital" para o país, que sofre agora "o elevado prezo dunhas peaxes" que estarían a "penalizar a competitividade das nosas empresas", razoou a portavoz nacional do BNG.



x